RIBADEO .- A Rede de Dinamización da Sociedade da Información continuou en setembro co seu traballo decidido a prol da inmersión da sociedade galega nas Novas Tecnoloxías en Ribadeo. No mes que remata impartiu un total de 3 obradoiros tecnolóxicos, a través dos que se formou a 25 persoas.
Os obradoiros impartidos este mes foron “Iniciación á Informática”, “Iniciación á Internet” e “Creación dun blog”. Cabe tamén destacar outros levados a cabo como “Creación dunha conta de correo electrónico”, “Saúde en Internet” ou “Procesador de textos Writer”, que poñen de manifesto a grande diversidade formativa que oferta a Rede. Este mes pasado tamén se impartiu unha charla sobre a solicitude de cita médica por internet.
Asemade, 35 persoas inscribíronse como usuarios/as da Rede para poder aproveitar -sempre de xeito gratuíto- as instalacións e todas as iniciativas que esta oferta nas horas de aula aberta, que foi utilizada nun total de 551 ocasións.
En canto aos números xerais da Rede, desde que botara a andar neste concello de Ribadeo en febreiro de 2007, foron xa 981 os usuarios e usuarias que fixeron o carné da RDSI. Neste tempo leváronse a cabo 92 obradoiros nos que se formou a 598 participantes. Aínda que os obradoiros son a principal actividade formativa que oferta a Rede, tamén se fixeron 5 charlas e 4 iniciativas, nas que participaron 79 persoas.
A Rede de Dinamización, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, enmarcada no PEGSI (Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información), é unha das estratexias fundamentais para a inclusión na Sociedade da Información. A Rede ten entre os seus principais obxectivos titorizar a cidadanía con maiores dificultades e proporcionarlles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da S. I. A RDSI conta con 51 dinamizadores e dinamizadoras espallados pola xeografía galega en diversos Centros de Dinamización, nos que se desenvolven charlas, obradoiros e cursos de alfabetización dixital, entre outros, adaptados ás necesidades de diferentes colectivos sociais como son mulleres, persoas maiores, persoas con discapacidade, xuventude, asociacións e empresas.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as súas actividades poden dirixirse ao Centro de Dinamización de Ribadeo, sito en rúa/ Antonio Otero, 15, 2º andar, chamar ao teléfono 982.120.732 ou mandar un correo electrónico ao enderezo mariacarmen.ribadeo@dinamiza.fundacioncalidade.org.