20 de abril de 2016.- Como todos sabemos, o día 21 de Marzo, deu comezo a primavera, pero este ano celebrámolo un mes máis tarde, debido ó mal tempo. Así que este xoves a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña fai unha festa para dar a benvida a tal estación, onde a música, o baile e a unión serán os ingredientes fundamentais.
Así, este xoves, na Unidade Residencial de Cervo, arredor de 46 persoas darán a benvida á primavera, cunha festa onde tentarán retroceder ós anos sesenta, querendo plasmar a importancia do medio ambiente que recollía o movemento hippy.
Así, dende as 11 da mañá ata as 15:00 horas, aproximadamente, disfrutarán da súa festa Flower Power, ó son do baile e caracterización daquela época, facendo un alto para disfrutar todos xuntos dunha comida.
Haberá ademais diferentes actos anexados ao baile e á comida todos xuntos, como é a visita dos componentes do Grupo de Teatro A Adala, ou a entrega dos diplomas da Consellería de Política Social ós alumnos do curso de “Deseño e elaboración de mobles artesáns”, por parte da Directora Técnica Xeral da Asociación, Dna. María José Nóvoa, quen recoñecerá aos mesmos o seu esforzo e adicación no día a día.
A Asociación recorda tamén que o próximo sábado terá lugar a cea baile benéfica no Hotel “O Val do Naseiro”, na cal aínda pode participar calquera persoa sensibilizada co colectivo, xa que as entradas aínda están á venda. Nestes intres os usuarios da Unidade Residencial están unindo os seus esforzos para rematar algúns dos agasallos que se van sortear na mesma. E tamén rematando uns lápices deseñados para a ocasión que se poderán adquirir como recordo da cea, por un prezo de 3 euros.