NOTA DE PRENSA
O GPPP considera “discriminatorias” as axudas que concedeu hoxe a Deputación a cinco concellos para pequenas obras
* González Barcia ve a Gato Soengas “baixo de forma e lento no seu traballo” dado que hai xa dous meses que se reuniu a mesa de valoración destes proxectos
Lugo, a 30 de outubro de 2009.- O Grupo provincial do Partido Popular considera “discriminatorias” as axudas que a Xunta de Goberno da Deputación aprobou hoxe para cinco concellos da provincia para pequenas obras, dado que dos cinco só un conta con alcalde popular, o de O Valadouro, e por riba este é o que máis tén que aportar do total do investimento, nada máis e nada menos que o cincuenta por cento, mentres que os concellos beneficiados, os de As Nogais, Begonte, Mondoñedo e A Pastoriza, aportan o trinta por cento.
O voceiro adxunto dos populares, José María González Barcia, asegurou ademais que hai xa dous meses que se reuniu a mesa de valoración correspondente, e que “é inadmisible semellante retraso na aprobación das subvencións”, o que, ó seu entender, demostra que “o Sr. Gato Soengas está baixo de forma e polo tanto é moi lento na tramitación dos asuntos que lle competen, ou ben está extenuado por contaxiarse polo pouco dinámico ritmo de traballo do Presidente”.
Barcia tamén incidiu no retraso xeralizado na concesión das subvencións para colectivos veciñais para pequenas obras e servicios, que se aprobaron hoxe, venres, cando tiñan que estar executadas, segundo as bases aprobadas polo propio Gato Soengas, o pasado día 30 de setembro.
Esta demora, ó entender do voceiro adxunto dos populares na Deputación, “demostra que os socialistas non son de fiar, porque incumplen ata o que deixan escrito e asinado” e causan ademais “un grave perxuizo ás economías dos colectivos veciñais”.
Barcia foi incluso máis aló nas súas críticas e indicou que na Xunta de Goberno de hoxe aprobáronse subvenciósn de este plan correspondentes ós anos 2006 e 2007. “Pero hai casos sangrantes”, dixo Barcia, “de subvencións que levan prácticamente ano e medio con informe favorable do capataz da Deputación e aínda se van aprobar agora e xa veremos cando se pagan”.
González Barcia considera que moitos destes retrasos son únicamente achacables a motivos políticos, dos que en todo caso é responsable o Presidente da Deputación, quen dixo que gobernaría para todos, “aínda que non especificou que se estaba a refeir a todos os que pensaran como el”, apuntillou.