Nota de Prensa
O BNG DENUNCIA O CAOS EXISTENTE EN FOZ POR MOTIVO DALGUNHAS OBRAS
“Non é normal que os veciños estean cercados sen poder case saír das súas casas”, afirma Basanta
O BNG de Foz xa ten denunciado en moitas ocasións o pouco celo que o goberno municipal pon cando se trata de controlar as obras de urbanización no noso concello. Por eso queremos incidir unha vez máis na denuncia do estado de caos dalgunha zona de Foz que se atopa en obras pola falta de planificación e de organización do equipo de goberno. Así está a pasar estes días en zonas como a da Ribeira, onde actualmente conflúen tres obras distintas: a reforma da Rúa da Ribeira e as obras do Centro de Rehabilitación da Costa, a construcción dunha rúa peonil na Rúa da Constitución e a instalación de R na Rúa Noriega Varela. Esto está a provocar un colapso na circulación e un malestar xeneralizado dos veciños que viven e transitan no lugar.
En primeiro lugar, o alcalde ou o seu delegado de obras deberían de aparecer polo lugar e ter informado con antelación aos veciños das obras que se están a realizar e da duración das mesmas (os veciños non saben nada ao respecto) e tamén preocuparse de supervisar as obras para que interrompan o menos posible a vida diaria das persoas residentes. “Estas circunstancias provocaron xa que un negocio de hostelaria sito na zona tivera que pechar ata non se sabe cando”.
En segundo lugar, o grupo de goberno debería ser un pouco –non é moito esixir- previsor e planificar os tempos de execución das obras e non deixar que coincidiran no tempo e no lugar porque ata a maquinaria das obras se entorpece. “Non é normal que os veciños estean cercados sen poder case saír das súas casas” ademais de ter que soportar os ruídos e as molestias de tantas obras concentradas arredor súa.
E finalmente, dado o estado das obras, o mínimo que deberían facer é regular o tráfico tanto de vehículos como de persoas. O primeiro porque está a provocar que os vehículos se atopen nunha calexa sen saída cando chegan ao lugar e teñen que dar media volta ou rodear sen necesidade medio pobo, cousa que se solucionaría se estivera ben sinalizado. E para as persoas porque é moi perigoso que as persoas transiten polo medio das obras ariscándose a un posible accidente.
Para o BNG está claro que as obras poden ser máis ou menos acaídas pero un equipo de goberno debe preocuparse de que se executen en tempo e forma e co menor prexuízo para os veciños, todo o contrario do que pasa en Foz onde se cumpre aquel lema do “país de jauja” debido á neglixencia dun rexedor e dun equipo de goberno que está máis preocupado de saír nas fotos que de solucionar os problemas dos seus veciños.