Ribadeo, 15 de marzo de 2016.- Un grupo de alumnos e alumnas do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, concretamente, o grupo de portugués de 4º da ESO, acaba de recibir a noticia de ter gañado o concurso do Manifesto do Correlingua 2016.
O obxectivo do concurso do Manifesto é motivar o alumnado na reflexión sobre a situación do galego e animar ao seu uso. O manifesto gañador ten sempre un grande protagonismo porque é lido diante de máis de 45000 escolares de toda Galiza que participan nas festas finais do Correlingua no mes de maio.
Este ano o contido do manifesto tiña que facer referencia ao lema O galego está en nós, e aludir, de algunha forma, ao poeta Manuel María, que sempre apoiou o Correlingua, e neste 2016 é o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas.
O alumnado do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo participou baixo o pseudónimo Os portugas, e titulou o seu manifesto Na procura do galego. Tenta, con el, mostrar que o galego non é algo alleo a ninguén de nós, que está presente no noso ser, e que o mellor que podemos facer por el é vivilo, é dicir, falalo.
Describe como podemos percibir o galego a través dos nosos sentidos e os últimos versos resumen como forma parte do noso ser:
Somos depositarios do galego.
Está no noso ser, moi dentro.
Entra polos sentidos
e sae ao mundo por cada boca que o bica,
o mastiga, saborea,
dálle forma
e sóltao libre e sonoro.
Texto íntegro do manifesto
NA PROCURA DO GALEGO
Está en min, en cada unha e un de nós,
na nosa boca, no nariz, na pel, nos ollos, nos ouvidos.
NO CORAZÓN
Sabe a doce en Nadal e a filloas en antroido.
A morangos e a callos.
A vento e a campo.
A pedras eternas da vella Compostela.
A mar, a amar.
A chocolate e a limón.
A mel e a pimenta.
Soa como o cantar dos paxaros e o bruído de tractores.
Como a gaita e o violín.
Como as ondas do mar rompendo na area
e nas rochas.
Como o vento nos rumorosos da costa verdescente.
O amoroso muxido da vaca e o berro de independencia.
O pasar pasar pasar dos coches polas rúas.
O rechouchío do eixo do carro do Manuel María.
Aos meus ollos é a luz do solpor nunha praia.
O misterio da sombra do aire na herba.
As casas multicolores das vilas mariñeiras.
A fermosura da liberdade.
A ponte que nos xungue e sostén.
O escudo que nos defende e protexe.
A paisaxe dos mil verdes
e dos grises da pedra das nosas casas.
O arco da vella con sete colores
que teñen, no ceo, beleza de flores.
Ole a herba acabada de segar,
A algas, a faísca,
A Patria, a Patria que ole; non a Patria Olé!
A rosas que non son só rosas, que son tamén pensamentos.
A pobo unido, olor de humanidade.
A pan, no vento ceibe da rúa, cando vou para a escola.
Ao cheiro que ficou na garrafa vacía do Manuel María.
Nótoo na miña pel como o calor do lume da lareira.
Como o abrazo suave da avoa.
Como o leve contacto que fai vibrar
ou as vibracións da miña cidade.
O pracer do amor.
A area debaixo dos pés;
Ou a herba, nun día de calor.
Como a humidade das brétemas, con muiñeiro incluído.
Quero apreixar o galego coas mans
e só consigo respiralo.
Somos depositarios do galego.
Está no noso ser, moi dentro.
Entra polos sentidos
e sae ao mundo por cada boca que o bica,
o mastiga, saborea,
dálle forma
e sóltao libre e sonoro.
OLLA!
O GALEGO ESTÁ EN TI,
É A PATRIA, A ESENCIA MÁIS NOSA.
O AMOR, O LATEXO, A VERDADE.
O GALEGO ESTÁ EN NÓS.
VIVÁMOLO!
AUTORES: OS PORTUGAS
(Na foto aparecen, para alén dos alumnos e alumnas gañadores, a profesora que traballou con eles na elaboración do manifesto, Dores Fernández Abel; Mónica Pazos, representante da Mesa pola Normalización Lingüística; e Teresa Díaz Estévez, responsábel do Departamento de Normalización Lingüística do IES de Ribadeo).