RIBADEO (FNC) .- O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, volta con boas sensacións tras a xuntanza que mantivo este mediodía en Santiago co director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta e co enxeñeiro xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.
Suárez Barcia acaba de sinalar que “a xuntanza foi positiva, quero ser prudente…nós non podemos dicir nada do que vai acontecer porque non está nas mans do Concello a decisión final. Sí que debo dicir que aprecio unha intención positiva por parte da Demarcación de Estradas do Estado de propoñer algunhas alternativas que, sen modificar substancialmente o proxecto que foi licitado e adxudicado xa hai dous anos, poidan ter o visto e prace da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta”.
O rexedor engade que “por outra banda tamén vexo esas intencións, como así o manifestou o enxeñeiro xefe da Demarcación de Estradas, no feito de ralentizar ou paralizar cautelarmente esta reversión da expropiación dos terreos en tanto Patrimonio decida si algunha das proposta que fai Fomento ou algunha outra que poida plantexar chegan a bó porto ou non. En todo caso atreveríame a dicir que vin boas intencións nas dúas partes, pero hai que agardar un tempo para ver si finalmente Patrimonio acepta esas suxerencias ou pon unhas novas que permitan facer viable este acceso, que ainda non sendo o mellor dos posibles, o feito é que entre éste e nada, é mil veces mellor éste que nada”.
Na xuntanza celebrada en Santiago e proposta polo alcalde de Ribadeo, participaron José Manuel Rey Pichel e Angel del Río, ademais de Fernando Suárez.