NOTA DE PRENSA
O deputado popular Daniel Varela Suanzes-Carpegna considera que Galicia ten que ser pioneira na defensa axeitada dos seus produtos pesqueiros e marisqueiros, na defensa dos dereitos dos consumidores e “poñer no seu sitio as importacións de produtos foráneos con menos garantías que os autóctonos”
O PARLAMENTO APROBA A PROPOSTA DO PPDEG PARA IDENTIFICAR E SEPARAR O PESCADO NOS PUNTOS DE VENTA PARA VALORIZAR OS PRODUTOS DA FLOTA GALEGA
* Para o Grupo Popular é imprescindible subministrar a información necesaria para identificar o pescado galego, caracterizado pola súa gran calidade, os importantes valores nutricionais e as garantías hixiénico-sanitarias, en contrasta con outros procedentes de terceiros países e, en especial, de Asia
* Tamén solicita a exposición separada do peixe fresco do conxelado, o procedente da acuicultura, de auga doce do de auga mariña
* Daniel Varela lamenta a abstención dos grupos de oposición, que dixeron non entender a proposta que para o PPdeG é innovadora e pioneira
Santiago, 22 de outubro de 2009.- A Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia aprobou na súa sesión de hoxe unha iniciativa do Grupo Popular na que insta á Xunta de Galicia a establecer unha regulación para que os consumidores distingan claramente o peixe nos puntos de venta ao por menor para valorizar os produtos descargados en Galicia pola frota galega en contraste con outras especies foráneas. Esta identificación serviría para diferenciar o pescado segundo a súa procedencia, captura e presentación conquerindo que o consumidor final dispoña mais información sobre estes temas para realizar unha compra mais responsable.
O obxectivo fundamental da iniciativa, que contou coa abstención de PSdG-PSOE e de BNG, é o de identificar o pescado capturado pola flota galega, caracterizado pola súa gran calidade, os importantes valores nutricionais e as garantías hixiénico-sanitarias en contraste co procedente de terceiros países e, en especial, de Asia. Segundo o deputado popular Daniel Varela nestes países non se está a esixir as mesmas esixencias técnicas, sanitarias, sociolaborais e mediambientais que as da Unión Europea de tal xeito que, ademais dos problemas sanitarios correspondentes, se produce unha competencia que non sempre é leal cunha baixada de prezos de venta ao público co que resulta difícil competir e que veñen a agravar a crise pola que está a pasar o sector pesqueiro galego. Daniel Varela lamentou que a iniciativa non puidera contar co apoio dos partidos da oposición manifestando non entender a iniciativa, que para o PPdeG é innovadora e pioneira.
O deputado popular considera que Galicia “que xa é punteira nos sectores pesqueiros e marisqueiros” sexa tamén punteira na defensa axeitada dos seus produtos, nos dereitos dos consumidores e hai que “poñer no seu sitio as importacións de produtos foráneos con menos garantías que os autóctonos”. Así, a iniciativa pretende que se permita aos consumidores distinguir claramente en pescaderías, supermercados e hipermercados mediante exposición separada as especies pesqueiras e marisqueiras segundo a súa procedencia e tamén o peixe fresco, do desconxelado e do de acuicultura, así como o peixe que é de auga doce e o que procede de auga mariña. Esto non se produce na actualidade inducindo ao erro ao consumidor que non recibe con toda claridade a información necesaria para a elección libre.
Deste xeito, Daniel Varela indicou na defensa da súa iniciativa que na actualidade poden atoparse xuntos linguado ou galos frescos con panga desconxelado (de río, granxa e asiático) e aínda que a diferenza ten que figurar na etiqueta tamén debería de aparecer na colocación no expositor da pescadería “e non só o prezo ten que figurar como principal reclamo”. Así, indicou o deputado popular, o consumidor galego cando entra nunha pescadería ten que poder encontrar a exposición separada de produtos que se pesca en Galicia ou pola frota galega do que ven de fora así como as condicións do mesmo (fresco, desconxelado, ou de auga doce ou mariña) “para que o consumidor teña toda a información sobre a orixe dos produtos e logo teña total liberdade para escoller o que mais lle conveña”.