SAN CIBRAO .- Dous técnicos de Augas de Galicia estiveron visitando a vila de San Ciprián antes de iniciar os traballos de redacción do novo proxecto de saneamento para esta localidade. Antes de desprazarse ata San Ciprián, os funcionarios de Augas de Galicia mantiveron unha entrevista na Casa do Concello có alcalde de Cervo, Alfonso Villares, có concelleiro de Medio Ambiente, Antonio Basanta; e con técnicos municipais
Nota de Prensa
Cervo 18 de setembro de 2008.- Dous técnicos de Augas de Galicia, organismo dependente da Consellería de Medio Ambiente, estiveron visitando a vila de San Ciprián antes de iniciar os traballos de redacción do novo proxecto de saneamento para esta localidade.
Antes de desprazarse ata San Ciprián, os funcionarios de Augas de Galicia mantiveron unha entrevista na Casa do Concello có alcalde de Cervo, Alfonso Villares, có concelleiro de Medio Ambiente, Antonio Basanta; e con técnicos municipais.
Segundo Villares, a xuntanza serviu para poñer en coñecemento dos encargados da elaboración do novo proxecto “aspectos e detalles que creemos son de interese cara a conseguir unha infraestrutura que garanta un servizo de calidade” sinalou o alcalde.
Unha vez finalizada a xuntanza, políticos e técnicos desprazáronse ata San Ciprián para ver “in situ” distintos puntos de interese, coma a zona do polígono de Cuíña -onde o Concello solicitou que se situara a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR)- ou os puntos de posible construción da estación de bombeo necesaria para conducir as augas residuais ata a EDAR.
O primeiro edil cervense valorou positivamente a visita dos representantes de Augas de Galicia e confiou en que dende este organismo “se poñan mans á obra canto antes” para conseguir cumprir os prazos comprometidos o pasado día 9 polo director xeral de Augas de Galicia, José Luís Romero Valeiras, quen lle asegurou que as obras sairían a licitación no vindeiro mes de marzo.