BURELA.- O Concello de Burela conxelará as taxas e os impostos municipais durante o 2010, segundo acaba de anunciar o alcalde, Alfredo Llano.
O rexedor explica que “tal e como están a circunstancias económicas tanto en Burela como en xeral, teremos que poñer tamén da nosa parte para facilitar que a xente poida chegar a fin de mes do mellor xeito posible e para eso propoñemos a conxelación das taxas e impostos para o vindeiro ano”.
Llano engade que “o único que faremos será unha revisión da colocación de terrazas por parte dos hosteleiros nas rúas e prazas da nosa vila para ter unha clasificación máis realista e máis xusta. O único que queremos é facer unha catalogación e aplicar unha taxa o máis xusta posible a estas zonas”.
Feve
O alcalde de Burela está a manter contactos con técnicos e con responsables da Xunta das obras do acceso ao porto “e eles mesmos me pediron que mediara con Feve para conseguir que eses traballos marchen a bó ritmo, agora que se vai ter que cambiar o trazado”. Alfredo Llano lembra que “a vía vai ser desviada unhs 8 ou 10 metros cara o pobo nun treito duns 400 metros” e engade que “entón o que fixen foi poñerme en contacto cos responsables de Feve en Madrid para axilizar o máximo posible esta obra que é singular e moi importante para Burela”.
O rexedor agarda que “estas conversas que mantiven con uns e con outros dean os seus frutos e que nos poidamos poñernos xa a rematar esta obra, porque xa está ben de estar parada. O que hai que facer é entre todos poñer o que poidamos da nosa parte para que sexa unha realidade no menor tempo posible”.