BURELA (FNC) .- Hoxe visitou Burela o xefe provincial de Costas, José Miguel Esteban, que mantivo un encontro co alcalde, Alfredo Llano e co concelleiro de Obras e Servizos, Pascual Doménech.
O edil socialista asegura que “logramos que Costas se comprometese a realizar diversas actuacións no noso concello. Vai conectar a Fonte do Xudío coa cala que hai naquela zona e que empregan moitas persoas para ir pescar ou visitar. Tamén se vai reforzar o espigón de protección da praia da Marosa, que se atopa un pouco descolocado tras os temporais dos últimos anos. E Costas vai reordenar unha praza que temos na praia de O Portelo, vanse colocar novos lastros e construiranse ramplas de acceso para minusválidos. O que se pretende é facela máis bonita á vista e máis accesible para os que transitan por esa zona”.
Alfredo Llano e Pascual Doménech tamén analizaron cos responsables de Costas outras necesidades importantes que ten Burela neste ámbito. Doménech sinala que “queremos que se reordene a área da praia de Ril, xa que pretendemos crear alí un parque infantil e un ximnasio ao aire libre, entre outras cousas. E desexamos que estea listo para o vindeiro ano o local de servizos e salvamento de O Portelo. Son dous asuntos polos que estamos a pelexar desde o Concello de Burela”.