Foz, 3 de decembro de 2015. A Concellería de Cultura de Foz, que encabeza Silvia Blach, deu a coñecer os premiados no XIV Concurso de Postais de Nadal 2015, que é o máis antigo da comarca. Os premiados foron: o primeiro premio da categoría infantil A foi para Alice Freixo Forés, de 6 anos; o segundo, para Yiyi Zheng, de 5 anos; o primeiro premio da categoría infantil B lévao Bruno Rodríguez Docobo, de 9 anos; e o segundo, María Alonso Abad, tamén de 9 anos. Na categoría xuvenil, o primeiro premio é para Iván García Méndez, de 11 anos, e o segundo, Areadna Magdiel Taype Camasga, tamén de 11 anos.
De entre os premiados a postal escollida para representar ao Concello de Foz na súa felicitación é a de Bruno Rodríguez Docobo. O premio especial ao centro educativo é, polo tanto, para o Colexio Público Número 1, onde este neno cursa os seus estudos.
Presentáronse un total de 654 postais: 223 na categoría Infantil A, 304 na categoría Infantil B e 127 na categoría xuvenil, o que supón outro récord de participación con participantes de todos os colexios da vila e o IES de Foz. A Biblioteca Pública Municipal agradece moito a gran participación e recoñece o esforzo dos autores e a calidade dos traballos presentados, segundo manifestou a concelleira de Cultura, Silvia Blach Cuesta.