Viveiro, 3 de decembro de 2015.- O próximo día 8 de decembro, na festividade da Inmaculada Concepción, con motivo do comezo do Ano da Misericordia proclamado polo Papa Francisco, a Confraría da Misericordia de Viveiro organiza, en colaboración coa Diócese, a Pastoral Xuvenil Diocesana, as MM. Concepcionistas e a Unidade Pastoral de Viveiro, unha saída extraordinaria da súa titular Nosa Sra. da Clemencia.
O Luns 7 de Decembro, ás 20:30 horas, farase o Traslado da Santísima Virxe, con rezo do Santo Rosario, desde a Capela da Misericordia ata o Convento das MM. Concepcionistas, onde permanecerá en Clausura para a veneración das relixiosas ata o seguinte día; a Imaxe xa fora custodiada por esta comunidade no inverno do 2010, cando foi doada á Confraría, ata o seu traslado e emprazamento final na Capela da Misericordia, xunto ao Santísimo Eccehomo.
O Martes 8 de Decembro, trala Santa Misa da Festividad da Inmaculada do Convento das MM. Concepcionistas, no final do seu novenario, a Sagrada Imaxe regresará en Solemne Procesión Extraordinaria, acompañada polos acordes da Banda Nosa. Sra. da Misericordia, con motivo da Inauguración do Ano da Misericordia ata a súa Capela, onde se poderá gañar o xubileo ata o 20 de Novembro do próximo ano.
A Confraría da Misericordia convida ao pobo de Viveiro a conmemorar esta Efeméride co acompañamiento á Virxe da Clemencia en ambas procesións con velas e, os cofrades, coa medalla da confraría durante o percorrido.