O escritor valadourense Xesús Pisón visitaba este mércores 2 de decembro o instituto Alfoz-Valadouro, dentro das charlas organizadas ó longo do presente curso 2015-2016 pola Biblioteca do centro.
Xesús Pisón é membro do Seminario de Estudos do Valadouro e ten no seu haber moitas obras de teatro escritas (e varios premios acadados); tamén, en colaboración con Manuel Lourenzo e Isaac Ferreira, redactou o libro “Contos do Valadouro”, de ampla difusión, onde recolleron contos de tradición oral en Alfoz e no Valadouro. Igualmente é debuxante, actor e actualmente colabora coa escola de teatro Casahamlet de Coruña.
Durante a súa conferencia, Xesús faloulles ós alumnos do instituto durante uns 80 minutos sobre o poder do feminino na historia, aspectos mitolóxicos da cultura galega e as crenzas da xente do pobo. Igualmente contoulles ós alumnos algúns dos contos incluídos no seu libro, algúns cómicos e outros de medo.