Lugo, 1 de decembro de 2015.- Representantes do Estado, a Xunta, a Deputación e media ducia de concellos da provincia de Lugo, participaron este martes pola mañá, na sede da Subdelegación do Goberno, na reunión do comité provincial de seguridade vial, coa finalidade de coordinar os medios e as actuacións que garantan a seguridade nas estradas da provincia en casos de nevadas ou ante outras situacións de climatoloxía extrema nesta época invernal.
A Subdelegación do Goberno convocou a xuntanza atendendo á necesidade dunha boa coordinación e dunha comunicación fluída entre as distintas administracións con competencias en materia de tráfico na provincia, non só para a prevención e o mantemento das axeitadas condicións de vialidade, senón tamén para xerar as cadeas operativas que aseguren a correcta información tanto aos propios organismos involucrados como aos usuarios das vías no tocante, por exemplo, ao estado das estradas ou á necesidade de proceder ao seu corte para favorecer a seguridade.
Os asistentes
Á xuntanza desta mañá asistiron o secretario xeral da Subdelegación do Goberno, Constantino Rodríguez; o xefe de Protección Civil e Emerxencias da Subdelegación, Juan Yáñez; o xefe provincial da Demarcación de Estradas do Estado, Héctor Presas; o xefe territorial de Infraestruturas e Vivenda da Xunta, Carlos Vila; o deputado provincial e alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández; o rexedor de As Nogais, Jesús Manuel Núñez; o de Pedrafita, José Luis Raposo; o de Cervantes, Benigno Gómez; de Abadín, José María López Rancaño; e a alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia; ademais da xefa provincial de Tráfico, Paula Yubero; o comandante da Garda Civil, Carlos Freire; o capitán do Subsector de Tráfico, Miguel Martínez, entre outros.
Medios estatais dispoñibles
O Estado destina nesta campaña invernal un total de 40 máquinas quitaneves para facilitar a vialidade nos 794,42 quilómetros de estradas da rede estatal na provincia de Lugo. Cóntase ademais con 9.300 toneladas de sal e 2.515.000 litros de salmoira, unhas cantidades que poden ser aumentadas ao longo da campaña en función das necesidades que vaian xurdindo.
Con estes medios, que se presentaron o pasado mes de novembro nun acto celebrado en Pedrafita do Cebreiro, preténdese manter un axeitado nivel de servizo da rede de estradas estatais durante o período comprendido entre o 1 de novembro deste ano e o 30 de abril de 2016, para garantir a seguridade dos usuarios e que a circulación sexa o máis cómoda e fluída posible en situacións de climatoloxía adversa.