Estrasburgo, 25 Novembro 2015. Hoxe, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Parlamento Europeo (PE) debaterá en sesión plenaria en Estrasburgo unha pregunta oral dirixida á Comisión Europea (CE), remitida pola Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero do PE co obxectivo de avanzar na eliminación da violencia contra a muller na Unión Europea (UE). Tamén reiterará á Comisión que considere propor unha “Directiva sobre a loita contra a violencia cara a muller”, conforme ao solicitado polo propio Parlamento Europeo no 2014.
Pasada unha semana dende a realización do seminario “O sesgo machista na aplicación das políticas: O caso da xustiza”, organizado por Alternativa Galega de Esquerda en Europa no Parlamento Europeo (Bruxelas), a eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, reivindicou “a necesidade dun tratamento integral contra a violencia machista”, xa que, “a estas alturas está máis que comprobado que non abonda tan so con poñer denuncias, e cando as institucións se centran só niso evidencian que non comprenden a verdadeira dimensión deste feminicidio”.
Tomemos por exemplo o caso do Estado español, onde “logo dunha década aplicando lexislación contra a violencia, este ano 48 homes asasinaron ás súas parelllas ou ex-parellas, seis delas na Galiza”, lembrou Senra.
Ademais, inda no caso de que a denuncia avance, “cal é a protección que os Estados fornecen aos fillos e fillas destes homes maltratadores?”, cuestionou a eurodeputada galega, “só neste ano, alomenos 8 nenas e nenos foron asasinados polos seus pais como xeito de atacar ás nais; os datos oficiais falan de aproximadamente 50 nenas e nenos asasinados nos últimos dez anos no Estado”.
“A violencia contra as mulleres constitúe un problema estrutural, provocado polo machismo imperante a nivel global”, analizou a eurodeputada galega. Segundo datos de ONU Mulleres, en todo o mundo, unha de cada tres mulleres ten sufrido violencia física ou sexual, principalmente por parte dun compañeiro sentimental, unha situación que se visibiliza en feitos como que no ano 2012 a metade das mulleres asasinadas no mundo tiveron como verdugo ao home co que mantiñan unha relación.
“A violencia machista parte da desigualdade, da discriminación da metade da humanidade”, e ese é un dos motivos polos que non consegue facer reaccionar aos poderes do Estado nin ás institucións, apuntou Lídia Senra, xa que, “malia a súa magnitude, afecta a un sector da poboación que está nunha situación de falta de igualdade á hora de facer valer os seus dereitos”. E, para facermos fronte, “é imprescindíbel que a loita contra esta violencia estrutural contra as mulleres en todo o mundo sexa asumida como unha responsabilidade de toda a sociedade”.