Cervo, 24 de novembro de 2015.- Na IV Larpeirada de Ourizo de Outono organizada polo Concello de Cervo presentáronse 9 pratos ao concurso gastronómico de postres elaborados con castañas e o certame de debuxo infantil contou con 12 participantes. Ao evento asistiron os concelleiros Dolores García, Pilar Armada e José Ramón Soto.
Para o concurso gastronómico o xurado estivo formado por representantes de dúas asociacións e do Concello. O primeiro premio foi para Claudia Muíño, con cake balls de castaña; o segundo correspondeu a Cecilia Alonso, con pannacota de castaña; e o terceiro recibiuno José Luis Sariego polo prato mantecado de castañas.
En canto ao certame de debuxo infantil sobre a castaña, o xurado estivo formado por tres membros da Anpa do colexio Cervo Número 1. Os gañadores en cada unha das tres categorías foron Francisco Muñoz Méndez, Tania Vilar González e Desirée García Sandomingo.
Ademais dos premios para os gañadores entregáronse obsequios a todos os participantes e durante o magosto houbo un mural no que os nenos e nenas fixeron pinturas.