Ribadeo, 5 de novembro de 2015.- Os concelleiros do Partido Popular de Ribadeo lamentaron que algúns integrantes da Comisión pro Residencia “se presten ao compadreo con Fernando Suárez Barcia e fagan de voceiros do alcalde”.
Para os populares é sorprendente que algunha destas persoas saían frecuentemente aos medios de comunicación para “repetir como loros” os argumentos do equipo de Goberno, en vez de esixir que o alcalde presente a documentación pola que leva 15 meses agardando desde a Xunta para poder facer efectiva a súa axuda.
NON HAI PEOR XORDO QUE AQUEL QUE NON QUERE OÍR
Os concelleiros do PP non entenden que algúns integrantes da Comisión poidan acusarlles a eles obstaculizar a colaboración da Xunta cando quen de verdade está a poñer impedimentos a achega dos 500.000 euros é o alcalde “cando retén un informe de viabilidade esencial e legalmente esixido para que a administración autonómica poda xustificar a axuda”. Está claro que en ocasións “non hai peor xordo que aquel que non quere oír”.
Insisten desde o PP que tanto o artigo 3 da Lei autonómica 5/2014 de medidas urxentes a reforma da administración municipal como o artigo 23 da Lei estatal 27/2013 de racionalización e sostibilidade da Administración local, esixen a presentación deste informe de viabilidade e de non duplicidade. Este mesmo requisito aparece no artigo 68 da a Lei 13/2008, de 3 de decembro, de Servizos Sociais de Galicia.
O TEMPO DARÁ E QUITARÁ RAZÓNS
Os populares están convencidos de que o tempo “quitará e porá a cada quen no seu sitio” e demostrará que no PP son os primeiros interesados en contar cunha nova residencia en Ribadeo para a atención das persoas maiores, “pero tamén en garantir que o futuro centro non sexa dirixido a elites, dado que o previsible alto prezo das prazas, que fará que sexan inaccesibles para a maioría dos veciños de Ribadeo”.
Desde o Partido Popular volven a manter que foi un erro renunciar ao concerto por parte da Xunta de 40 das 47 prazas da futura residencia, posto que supuxo perder a un diñeiro esencial para o mantemento do centro. “Renunciamos a máis de 700.000 euros ao ano, por unha achega única de 500.000 euros para a construción do centro, que a día de hoxe o propio alcalde obstaculiza”.