Cervo, 3 de novembro de 2015. O goberno local de Cervo está traballando na elaboración do presuposto do Concello para o vindeiro ano 2016, no que seguirá apostando pola formación e o emprego. Anunciárono este martes as concelleiras de Facenda, Dolores García Caramés, e de Emprego, Manuela Méndez Álvarez.
Este asunto abordarase na reunión da Comisión Especial de Contas que está convocada para mañá, mércores, ás 9 e media da mañá, e que inclúe na orde do día a aprobación inicial do expediente orzamentario para o exercicio 2016.
A concelleira de Facenda destacou que no presuposto municipal de Cervo para o vindeiro ano “seguiremos apostando polo emprego e a formación: por unha parte cunha partida de 121.000 euros para formación dual destinada a 15 persoas e, por outra banda, aumentarase nun cen por cen a partida para becas Feuga con respecto a este ano, que así ascenderá a 200.000 euros”.
E a edil de Emprego comentou que “é unha boa iniciativa cara a xuventude, xa que ademais de poñer todas as medidas orientadas a que se incorporen ao mercado laboral queremos seguir potenciando os programas destinados ao emprego, como se pode ver ao aumentar as partidas para este fin”.