BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, realiza unha valoración moi positiva do encontro que mantivo esta mañá con tres técnicos de OTEA, a empresa que está a elaborar o plan xeral. Segundo o rexedor “xa hai moito traballo feito e o plan está bastante avanzado polo que puiden ver no día de hoxe. Fan unha análise mazá por mazá tentando conseguir un plan xeral respectuoso con todo o que hai e incluíndo valores novos que poidan favorecer a Burela”.
Llano insiste en que “están a facer unha boa planificación que agrandará as posibilidades de Burela, a pesares dos condicionantes que temos que son Costas, Feve e a variante. Farán o máximo de desafectacións posibles e tentarán incorporar o maior número de zonas urbanas e zonas verdes, entre outras cousas”.
Os técnicos de OTEA volverán o día 26 de outubro a Burela “para expoñer todo o traballo realizado diante da comisión de seguimento do plan xeral e de toda a Corporación. Todos van estar convidados a ese encontro que se celebrará sobre as cinco da tarde para que poidan dar a súa opinión. Iste paso vaise producir antes de entregar o documento á Xunta de Galicia, despois máis adiante será sometido a aprobación inicial, a información pública e logo chegará o momento de presentar alegacións ou suxestións. Pero antes de enviarllo ó goberno galego queremos que o coñeza toda a Corporación Municipal de Burela”.