BURELA (FNC) .- O Concello de Burela recibiu hoxe a visita de despedida do Cónsul Xeral de Cabo Verde en España, Silvino Cesário López, que, despois de máis de trinta anos, abandona o seu cargo de Cónsul Xeral para reincorporarse a outros labores en Cabo Verde.
Segundo explicou a tenente de Alcalde, Neves Cando, “Silvino Cesário López agradeceu, no seu nome e no nome da comunidade caboverdiana asentada en Burela, a boa acollida que sempre tiveron os seus compatriotas no noso pobo así como os lazos de amizade e cooperación que existen entre ambos os dous. Agradeceu, tamén, ao Concello de Burela todo o apoio e respaldo ofrecido aos caboverdianos e caboverdianas que dende hai 30 anos e aínda hoxe están chegando a Burela para traballar e criar ás súas familias”.
Nesta despedida estivo tamén presente Antonina Semedo, representante da comunidade caboverdiana en Burela, e outro representante do Consulado Xeral. Silvino Cesário López mantivo un encontro co alcalde de Burela, Alfredo Llano, e coa tenente de alcalde, Neves Cando.