Lourenzá, 28 de setembro de 2015. A alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, denuncia que, a raíz dos últimos comentarios aparecidos nas redes sociais, o BNG e o PP de Lourenzá iniciaron unha campaña conxunta para intentar desprestixiar a próxima celebración da Festa da Faba.
A rexedora municipal explica que “o BNG, malinterpretando unhas palabras do concelleiro de Festas, intenta crear divisións no equipo de goberno socialista, empregando insultos e descualificacións de maneira gratuíta. Inmediatamente, sumándose a esta campaña, aparece a señora Álvarez colgando no facebook do partido os comentarios do BNG, apoiando sen reservas esa iniciativa. Está claro que a coalición de oposición xa é un feito consumado, compartindo os medios e as formas de facer oposición, insultos incluídos”.
Ademais a alcaldesa aclarou que goberno municipal “está máis unido que nunca e estes feitos axudan a que este espírito de equipo sexa cada vez máis forte. Así mesmo o PSOE de Lourenzá está crecendo en número de afiliados e simpatizantes e cada día que pasa é un partido máis forte. Neste aspecto, os responsables do PP e do BNG locais deben mirar primeiro como está a súa casa antes de falar da dos demais”.
E para rematar Rocío López fai súas as palabras do concelleiro de Festexos e aproveita a ocasión para desexarlle “feliz Festa da Faba a tod@s”.