Burela, 25 de setembro de 2015.- O CD Burela FS Pescados Rubén regresará a noite deste venres sen recompensa de puntos de Pamplona tras ver como lle escapaba o empate no último suspiro. Chino conseguiu igualar a contenda ao fío do descanso; o marcador continuou inamovible durante toda a segunda parte ata o último suspiro, cando os locais atoparon o gol da vitoria con xogo de cinco.
“Foi unha primeira parte moi igualada, na que o Burela FS respondeu ben, malia ir por detrás no marcador, soubemos recuperarnos co gol de Chino. Con todo, tras o descanso perdemos o ritmo de xogo e a posesión de balón. Aturamos o empate pero o rival volveu arriscarse con porteiro xogador, por terceira xornada, e esta vez saíulle ben” reflexionaba ao finalizar o encontro o técnico da Mariña, Daniel Ibañes.
Anaitasuna viviu unha cita moi rifada, cun primeiro tramo no que non proliferaron as ocasións de gol, aínda que foron os da casa os que conseguiron adiantarse xa no minuto 4, con Eseverri de volea. A poucos segundos para o descanso, Chino deulles o empate aos laranxas de dobre penalti. Na segunda parte, as imprecisións e pouca fluidez pasáronlle factura ao Burela FS. A falta de pouco máis de tres minutos para o final, o Magna saíu con porteiro xogador e conseguiu os tres puntos sobre a bucina, de novo nas zapatillas de Eseverri.
Ficha técnica
Magna Gurpea Navarra: Raúl, Araça, Yoshikawa, Víctor, Rafa Usín, quinteto inicial; tamén xogaron Eseverri, Jesulito, R. Martil, D. Saldise, P.
Ibarra
CD Burela FS Pescados Rubén: Edu, Isi, Bellvert, Iago Míguez, Antoñito, quinteto inicial; tamén xogaron Hélder, Iago Rodríguez, Chano, Chino
Goles: 1-0, minuto 4, Eseverri; 1-1, minuto 19, Chino (d.p.); 2-1, minuto 40, Eseverri
Árbitros: Del Pozo García // Munez Carpintero. Por Magna recibiron tarxeta amarela Araça e Yoshikawa.
Incidencias: Partido correspondente á terceira xornada da Primeira División da LNFS disputado en Anaitasuna.