BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, sinalou hoxe que “é intención do Concello preparar ao máximo posible as rúas da nosa vila co fin de que sexan atractivas tanto para a xente que vivimos aquí, como para a promoción do comercio ou a do turismo. Queremos facer de Burela unha poboación máis atractiva e de referencia”.
O rexedor anunciou que “neste mes de outubro darán comezo as obras de mellora do alumeado público e dotación de mobiliario urbano nas rúas Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. Decir que se presentaron nove empresas de Burela e de fora do noso concello para facer estas obras, o que significa que hai interese en traballar na nosa vila. Cen mil euros de presuposto en dúas anualidades para 2009 e 2010. Este ano investiranse 65.000 euros e o resto o vindeiro”.
Llano engadía que “eso formará parte dunha primeira intervención, pero temos a intención de reformar e cambiar tamén as luminarias do parque, porque hai unha zona que está a quedar en semipenumbra e o que urxe agora é cambiar parte do mobiliario e das luces de dito parque para que a xente poida gozar del en condicións, incluso de noite. Todo eso no seu conxunto mellorará o centro de Burela e agardo que a xente poida apreciar eses traballos e disfrutalos”.