RIBADEO (FNC) .- O alcalde, Fernando Suárez, ven de anunciar que nos vindeiros días darán comenzo as obras de mellora da rúa San Francisco no tramo comprendido entre a rúa Deputación e a Avenida de Asturias. O orzamento ascende a 70.000 euros.
Suárez Barcia asegura que “se trata dunha obra que quedou pendente desde hai un tempo e que por fin nestes días vámoslle dar luz verde para que poida estar rematada nas vindeiras semanas. É o tramo restante da rúa San Francisco, non son moitos metros, pero é moi frecuentado sobre todo pola xente que ven das parroquias do interior que accede a Ribadeo pola rúa Deputación e acaba desembocando na Avenida de Asturias”. O rexedor explica que “nos vindeiros días darán comenzo estas obras que van a remodelar completamente esa rúa, dándolle un pavimento novo, moderno, de formigón… contará cun firme totalmente novo e cunhas aceras máis dignas, un pouquiño máis anchas e moito mellor rematadas. Ao mesmo tempo no subsolo, váise modernizar todo o que ten que ver co abastecemento de auga, coas fecais. Acometemos todos estes traballos dada a situación na que se atopaban todas estas infraestructuras soterradas que estaban obsoletas e aproveitando que melloramos a parte superficial tamén actualizamos a parte que está soterrada”.
O alcalde ribadense engade que “como todas as obras seguro que sempre hai molestias e pedimos comprensión por parte dos usuarios e por parte dos veciños desa zona e ao mesmo tempo quero agradecer a financiación da Xunta de Galicia para facer fronte a estes preto de 70.000 euros que pagamos entre o Concello e a Consellería de Innovación e Industria, que agora se chama de Economía e Industria”. Fernando Suárez di que “esta consellería sempre apoiou esta política de ir remozando as rúas de Ribadeo de cara a mellorar este centro comercial aberto que temos tan importante para toda a comarca, sempre nos bota unha man desde o punto de vista económico”.