RIBADEO .- A Rede de Dinamización da Sociedade da Información en colaboración co Concello de Ribadeo anuncia máis actividades de achegamento ás novas tecnoloxías que terán lugar no mes de outubro. Neste mes comezará tamén o horario de inverno do telecentro que será de luns a xoves de 10:30 a 14 e de 16 a 20:30 e os venres de 9 a 15 horas.
Do 5 ao 8 de outubro terá lugar un obradoiro de iniciación á informática de 19 a 20:30 horas e no que ensinará aos usuarios a manexar con certa soltura os obxectos (arquivos, cartafoles, ferramentas…) e funcionalidades básicas que ofrece un computador.
Do 13 ao 19 de outubro se 19 a 20:00 horas desenvolveráse un obradoiro de iniciación a internet no que asistentes serán capaces de empregar, de forma básica, aplicacións e ferramentas fundamentais relacionadas coa rede Internet.
Creación dun blog é o terceiro dos obradoiros que se realizarán no telecentro de Ribadeo durante o vindeiro mes de outubro. Éste terá lugar todos os venres, do 2 ao 23 cos membros da Asociación A Mariña de Ribadeo, en horario de 11 a 12:30 horas.
A programación de outubro complétase cunha charla sobre a solicitude de cita médica por internet. Será o día 21, ás 10 horas na Aula de Dinamización de Ribadeo e consistirá en dar a coñecer como se pode pedir cita ao médico por internet.
O prazo de inscrición para estas actividades remata o 2 de outubro. Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as súas actividades os interesados poden dirixirse ao Centro de Dinamización de Ribadeo, sito na rúa Antonio Otero, 15, 2º andar, ou chamando ao teléfono 982.120 732