NOTA DE PRENSA
Manteñen que non ten fundamento algún a estratexia de manipulación das outras forzas políticas e insisten en confirmar cada unha das explicacións dadas na rolda de prensa que onte protagonizou o deputado Jose Manuel Balseiro co obxecto de poñer fin ás dúbidas existentes
OS POPULARES REAFÍRMANSE EN QUE NON DESAPARECERÁ A ÁREA SANITARIA DA MARIÑA E QUE SE MANTERÁN E INCLUSO INCREMENTARÁN TODOS OS SERVIZOS DO HOSPITAL DA COSTA
* PETICIÓN MÁIS AMBICIOSA: O PP está a rexistrar unha iniciativa nos distintos concellos nos que o BNG e o PSOE solicitaron un acordo plenario sobre o mantemento da área sanitaria do norte de Lugo, non só ratificando a permanencia desta área, senón reclamando máis servizos e prestacións no Hospital da Costa como expresión dos compromisos electorais dos populares cos veciños da comarca.
A Mariña lucense, 25 de setembro de 2009.- Ante as informacións difundidas no día hoxe polo Bloque Nacionalista Galego e polo Partido dos Socialistas de Galicia en relación co sistema público de saúde comarcal, os populares reafírmanse en todas e cada unha das afirmacións realizadas no día de onte polo deputado Jose Manuel Balseiro Orol na rolda de prensa convocada co obxecto de poñer fin ás dúbidas existentes e á estratexia de desinformación e confusión que parecen ter iniciada estas dúas formacións políticas, hoxe na oposición.
O PPdeG insiste:
PRIMEIRO.- Non desaparecerá a área sanitaria da Mariña lucense. Nunca foi esa a intención da Consellería de Sanidade.
SEGUNDO.- Non é certo que vaia a ser necesario trasladar ata Lugo a pacientes que están a ser atendidos no Hospital da Costa. Non haberá traslados nin para o acceso a tratamentos cirúrxicos nin para consultas daqueles doentes que hoxe están a recibir en Burela estas prestacións.
TERCEIRO.- Non só non van a desaparecer ningunha das especialidades médicas que hoxe ten o Hospital da Costa senón que, a maiores, a Consellería de Sanidade está a estudar a ampliación de servizos co obxecto de achegar a maior cantidade de prestacións posibles aos cidadáns.
PROPOSTA MÁIS AMBICIOSA
Como fundamento de todo o explicado, os distintos Grupos Municipais do Partido Popular nos concellos da Mariña lucense están a rexistrar unha iniciativa moito más ambiciosa e positiva ca rexistrada polos nacionalistas e socialistas. A través dunha emenda os populares non só ratifican o seu compromiso coa permanencia desta área sanitaria (a do norte de Lugo), senón que tamén reclaman máis servizos e prestacións no Hospital da Costa.
POLÉMICA ESTÉRIL, ANSIAS DE PANCARTA
O Partido Popular non ten intención de manter unha polémica estéril e continuada co resto das formacións políticas, hoxe na oposición. Non ten sentido ratificar unha e outra vez cada un destes extremos. É por iso que empraza ao resto das forzas políticas a deixar de difundir informacións falsas co único obxecto de provocar alarma social. Probablemente a devandita estratexia ten que ver co enorme interese de PSOE e BNG por regresar á conflictividade social e á pancarta, empregado para elo todos os medios posibles, incluso a difusión de datos non veraces.
COMPROMETIDOS COA ACCIÓN DE GOBERNO
Desde o PPdeG, subliñan que non entrarán neste xogo de desmentidos continuos e descualificacións, pois a prioridade do Partido Popular de Galicia hoxe, debe ser dedicar o tempo e o seu maior esforzo para traballar no desenvolvemento da acción de Goberno, para defender e facer realidade todos e cada un dos compromisos electorais adquiridos cos veciños desta comarca ao longo da presente lexislatura.