Burela, 27 de maio de 2015.- O Dr. Quico Muñoz González, médico anestesiólogo do Hospital da Costa, participará ás 12:30 da mañá do día 28 de maio nun coloquio cun grupo de alumnos e alumnas do IES Perdouro de Burela. A actividade está encamiñada ao fomento da integración social do alumnado do Programa de Diversificación Curricular.
O Dr. Muñoz é integrante de DEBRA ESPAÑA (Asociación de Epidermolise Bullosa), unha entidade sen ánimo de lucro formada por persoas afectadas por esta “enfermidade rara”, por profesionais socio-sanitarios e tamén por outras persoas que colaboran de xeito altruísta. Concretamente na Mariña organizáronse diversas carreiras solidarias “Alas de Vida” co obxectivo de reunir fondos para informar, formar e investigar sobre a enfermidade coñecida como “Pel de Bolboreta”.
Entre os valores a transmitir neste acto académico están; a) o fomento do deporte e dos hábitos de vida saudable; e b) a importancia da implicación en actividades e proxectos destinados á integración social das persoas en risco de exclusión. Neste sentido, o Dr. Muñoz é unha persoa con grande experiencia, dado que participa activamente nas competicións de ciclismo para médicos e está involucrado na práctica do cicloturismo, unha práctica deportiva que o levou a toda a Península Ibérica, á cordilleira pirenaica, aos Alpes e incluso ao Himalaia (concretamente á zona do Nepal que está sendo devastada polos seísmos).