BURELA (FNC) .- O alcalde de Burela, Alfredo Llano, explicou que existen varias obras de Portos de Galicia paralizadas e aconsella ó membro da oposición do Partido Popular, José María González Barcia, que aproveite a reunión cos responsables desta empresa para pedirlles que rematen canto antes as que teñen pendentes en Burela.
Alfredo Llano sinalou que “con respecto ás obras que se están facendo aquí en Burela de Portos de Galicia, hai unha serie de obras que son moi importantes. Estase ampliando o peirao, esperemos que se fagan nun tempo prudencial e que a finais de ano esté operativo, tamén estamos moi pendentes das obras do acceso ó porto, xa que inmediatamente vamos falar con responsables da Xunta para que axilicen o tema e tamén as da Avenida do Berbés, na que hai que facer unha serie de obras que agora mesmo están paralizadas”.
Llano afirmou que “é certo que parece ser que o membro da oposición, o señor Barcia, vai falar con responsables de Portos entón sería bó que lles diga, que lles repita e insinúa que estamos pendentes de rematar esas obras que son moi importantes e que dende logo levan unha tempada de baixón impresionante”.
O alcalde de Burela engadiu que “temos en marcha un proxecto para facer unhas obras relevantes na EDAR, que consisten en reforzar as bombas que temos para triturar e que sería moi interesante que estiveran ben operativas para que funcionase a EDAR o mellor posible. Ademais, estamos pendentes dun proxecto que había xa aprobado e que parece que está paralizado, o señor Barcia pode aproveitar para preguntarlles por ese proxecto e como estes unha serie de asuntos que están paralizados en Burela. Eu entendo que mostre interese e que se esforce en visitar ós seus amigos da Xunta pero iso ten que verse e plasmarse na realidade de Burela que é algo nos preocupa a todos”.