Barreiros, 4 de maio de 2015.- O BNG e o PSOE de Barreiros aceptaron a súa participación no debate público e imparcial solicitado por 23 asociacións veciñais, culturais, deportivas e de comerciantes, entre outras, en tempo e forma: por escrito e entre o xoves 30 de abril e o sábado 2 de maio. O PP respondeu de forma verbal o último día indicando que aceptaría con condicións que entregaría por escrito. Dito escrito non foi entregado ata a mañá do luns 4 de maio na Casa do Concello, incumprindo así os tempos establecidos, o que dificultou tamén a posibilidade de trasladar o conxunto de respostas a todos os partidos no tempo previsto.
En dito escrito, o alcaldable polo Partido Popular sinala “o desacordo co formato proposto para contestar ás demandas ou preguntas das Asociacións”. Na carta entregada aos tres grupos políticos o pasado xoves propoñendo a participación en dita iniciativa, por acordo das asociacións facíase constar que “sería precisa a aceptación a participar polas tres persoas candidatas á alcaldía, desistindo da organización do debate no caso de producirse algunha non aceptación”. Alfonso Fuente sinala na súa resposta que “aceptaría que a reunión coas Asociacións fose por separado cos distintos candidatos” polo que a organización do debate entende e conclúe que este non é o formato plantexado e polo tanto, Alfonso Fuente non acepta.
Asimesmo, Alfonso Fuente afirma “o seu desacordo co formato proposto para evitar calquer tipo de confrontación entre veciñas e veciños”, o cal dende as asociacións promotoras é considerado como unha falta de confianza na autoorganización, respeto e cordialidade entre a veciñanza, e polo tanto entre as asociacións, e destacan ademais que dende o momento en que por unanimidade e de maneira democrática se levou adiante esta iniciativa, todas elas fixeron gala destes atributos. Non se entende que alguén poida esperar confrontacións precisamente entre quen demostra boa educación e respeto polas formas e a cultura democráticas.
Asimesmo, dende a organización lamentan tamén as informacións vertidas por algúns dos partidos políticos antes da decisión tomada entre as asociacións, unha vez recibidas todas as contestacións por parte das tres persoas candidatas á alcaldía, en reunión o luns 4 de maio ás 20h., e a posterior comunicación oficial aos tres grupos políticos. Por este motivo, as asociacións participantes, non se responsabilizan das declaracións feitas polos partidos nin as conclusións tomadas polos mesmos.
As asociacións promotoras desta iniciativa agradecen a disposición das tres candidaturas ás eleccións do 24 de maio a escoitar as súas preguntas e emplazan aos tres grupos políticos a ser quen tomen a iniciativa de convocalas se o desexan, dado que o formato proposto non pode ser levado a cabo como foi solicitado.
Finalmente, as asociacións promotoras desta iniciativa mostran a súa satisfacción polo xurdimento dun movemento de colaboración entre elas, así como pola disposición de todas a fomentar a participación conxunta procurando unha mellor dinamización e desenvolvemento da localidade, con propostas e iniciativas xurdidas dende a veciñanza.