Ribadeo, 4 de maio de 2015.- O sábado, 9 de maio, da comezo a décima edición do concurso gastronómico Ribadeo de tapeo. Un total de 51 locais ofrecerán as súas creacións da cociña en miniatura ata o día 17. Ademais haberá actividades paralelas: música, visitas guiadas ou obradoiros coma o que protagonizará este sábado Ana Oca, unha das concursantes galegas de Masterchef Junior.
O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “xa van 10 anos deste Ribadeo de tapeo, este evento tan importante para Ribadeo, que dinamiza o sector da restauración, da cociña en miniatura, no que tantos restauradores se esforzan para dar o mellor de si e facer, outro ano máis, que Ribadeo se encha de xente polas rúas, tomando as tapas tanto nos locais da vila como nas parroquias, que tamén participan. Estes 51 restaurantes, bares, mesóns, etcétera outro ano máis van facer de Ribadeo un lugar de visita obrigada para todos os nosos amigos da Mariña e do Occidente asturiano”.
O rexedor explicou que “a partir deste sábado, 9 de maio, todos os días ata o 17, Día das Letras Galegas, todo o mundo terá tempo para degustar ata 51 tapas noutros tantos lugares. E ao mesmo tempo cunha gabeta chea de actividades alternativas para os máis pequenos e para os non tan pequenos. Para a primeira delas que vamos ter este sábado, 9 de maio, buscamos un referente, que ten unha vinculación familiar con Ribadeo importante e que estivo de actualidade nestes últimos tempos neste programa tan seguido, como é Masterchef Junior. Trátase de Ana Oca, que vai dar un pequeno obradoiro na praza de abastos baixo o título Moldea as túas galletas animadas. É un obradoiro dirixido aos máis pequenos e as máis pequenas da casa e que estou seguro de que vai facer as delicias de todos eles. Tamén teremos obradoiros de pintura e de repostería creativa, visitas guiadas polo casco histórico da vila, pasarrúas musicais e incluso actividades, neste caso en Rinlo, de anelamento de aves migratorias”.
Suárez Barcia subliña que “hai moito que facer e moito que ver e o que queremos é que a xente marque nas súas axendas todos estes días. Haberá, como nestes últimos anos, esta aplicación para os móbiles tanto para a plataforma Android como para a de IOS, a que ten Apple, para que todo o mundo desde o seu móbil poida descargar esta aplicación para saber cales son os restaurantes e os bares, que tapa ofrecen, cales son os seus horarios, onde están situados e cales son tamén as actividades culturais alternativas que temos durante todos eses días. E, como non, haberá premios: por unha banda, a mellor tapa do público e a mellor barra; e tamén premios que un xurado profesional, como todos os anos, escollerá dos 51 establecementos”.
As persoas que selen os seus cartóns nas rutas propostas entrarán en sorteos de ceas para dúas persoas en varios locais de Ribadeo, un vale de compra de 100 euros para gastar na praza de abastos, un paquete de estética, un curso de surf de tres días para dúas persoas, noites de aloxamento e almorzo na ruta do viño do Ribeiro ou noites de aloxamento en Ribadeo, entre outros agasallos.
O alcalde dixo que “como queremos vincular a actividade dos restauradores coa dos hoteis poñemos en marcha tamén esta actividade de Soños gastronómicos, que é unha alternativa diferente para os amantes da gastronomía e da novas experiencias que queiran vir a Ribadeo con prezos especiais, se reservan prazas de hotel para estes días”.
Fernando Suárez convidou a que “todo o mundo vaia facendo un oco na súa axenda, que durante estes días serán momentos de estar cos amigos e cos familiares, de encontrarse en Ribadeo nesta décima edición do Ribadeo de tapeo”.