A visita pola mañanciña á praia de Llás, en horas de soidade, constitue sempre unha auténtica ledicia, que hai que experimentar coa sensibilidade receptiva, para poder percibila en toda a súa dimensión.
É esa primeira hora na que o sol derrama os seus raios aínda dun bermello alaranxado, tinguindo, de insólito colorido, un espacio inmaculado que só se ve alterado polo rítmico acaneo da elegante silueta dalgunhas lanchas que, pretiño da costa, faenan coas nasas.Unha bandada de mazaricos, saltaríns e xoguetóns, precédennos nun desfile xubiloso, acompañándonos na nosa camiñada pola beiramar. As ondas morren suavemente ós nosos pés e chéganos o acompasado rumor do seu vai-ven. Unha escena de idílica beleza que pretendemos absorver, respirando fondamente.
Nestas consideracións estamos cando de súpeto prodúcese un feito inusitado: os nosos oídos perciben a doce melodía dunha gaita que soa alí, no mesmo areal, ó noso carón. Non podemos dar creto ó que os noso ollos ven: un arrogante gaiteiro lanza ó aire as notas, ledas unhas, tristeiras outras, na soidade da praia de Llás. Os melódicos sons sublímanse en marco tan excepcional e traen á nosa memoria aqueles versos de Curros Enriquez:
Músico a un tempo e poeta
algunha fada secreta
tiña con que conmovía,
pois nunca de unha palleta
saíu tan doce armonía.
Era todo él, episodio do mesmo paraíso. Si o Terrenal fose tan fermoso posiblemente Eva, absorta por tanta beleza, non caería na tentación de roer na mazá e a Humanidade sería mais feliz….
Impresionados por canto acabamos de vivir abandonamos o areal e de contado voltamos á ordinariez e á vulgaridade que cada día nos ofrece a man depredadora do home, coa danza arrítmica e irracional do cemento indiscriminado que masacra inútilmente paraxes naturais e panorámicas de singular beleza; rúas flanquedas por alturas desproporcionadas nas que a pouco os veciños de enfrente se dan a man pola ventá; espacios públicos invadidos polo monstro de formigón e asimetrías de volume que rachan coa armonía do entorno, ferindo a sensibilidade visual e o mais elemental sentido da estética, nunha carreira sen tregua hacia o máximo galardón do fesísmo.
Un panorama desolador, destructor da beleza coa que Natura tan xenerosamente dotou os nosos eidos. Por eso que, namentres o destino nolo permita, voltaremos polas mañanciñas a curarnos destas saudades na praia da nosa nenez, aínda que posiblemente nunca mais nos atopemos, na beiramar, con o gaiteiro de Llás. ¡Qué mágoa!