O Ribadeo perdeu no seu encontro ante o Arousa e tamén a oportunidade de seguir recortando distancias ante o cuarto clasificado e, polo tanto, dono ata agora da última plaza do play off, o Choco, que vista o Pepe Barrera na vindeira xornada.
Aínda así, os celestes mantéñense quintos con 54 puntos, a catro do Choco -58-; pero pisan forte por detrás con 53 Alondras, Arousa e Rápido de Bouzas -a pesar de ter perdido os tres últimos encontros-.
Os de Germán e Vilachá, “pouco acertados tanto en defensa coma en ataque” -segundo o adestrador-, viron como Quique Cubas adiantaba ós locais no marcador ós poucos minutos do comezo do partido. Pouco despois Nando marcaba o segundo. Santi chegaba a porta intentando recortar distancias para os mariñáns, pero non lograba marcar.
Quique Cubas marcaba de novo para os locais na metade do segundo tempo sentenciando cun 3 – 0 un partido que lles permite recortar distancias con rivais directos.