NOTA DE PRENSA
José Manuel Balseiro interesouse no Parlamento de Galicia polas accións relativas tanto ao aspecto loxístico coma de creación de valor engadido, identificación e promoción do bonito do norte
O VOCEIRO DO MAR DO PPdeG VALORA MOI POSITIVAMENTE A RECUPERACIÓN POR PARTE DA XUNTA DE GALICIA DAS MEDIDAS DE PROMOCIÓN DO BONITO TRAS O ESQUECEMENTO DO ANTERIOR GOBERNO BIPARTITO
* Os primeiros datos sobre a evolución da actual costeira arroxan un resultado positivo, con elevadas capturas e mellores prezos semanais ca no pasado ano.
* Os homes e mulleres do mar saben que, de novo, teñen un aliado no actual Goberno da Xunta de Galicia.
Santiago, 11 de agosto de 2009.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro Orol, vén de valorar moi positivamente a recuperación por parte do Goberno que preside Alberto Núñez Feijóo das medidas de promoción do consumo do bonito do norte, de xeito especial, en contraste co esquecemento do anterior Executivo autonómico bipartito que non desenvolveu na pasada lexislatura ningunha acción destinada á posta en valor deste produto de grande importancia para a flota pesqueira galega e mariñá.
Balseiro Orol fixo esta valoración tras o debate dunha iniciativa que os populares presentaron na Cámara galega e coa que se interesaban polas medidas de apoio á esta costeira desenvolvidas polo novo Goberno galego.
CAMPAÑA FAINO BONITO
O deputado popular subliñou a importancia da cooperación da Administración galega no eido da promoción, identificación e consumo do bonito capturado pola flota galega, de xeito que se contribúa a facilitar a tarefa de elección do consumidor, evitando a confusión que este pode producirse respecto doutros produtos de inferior calidade. Tal e como explicou hoxe Juan Carlos Maneiro, director xeral de Competitivade da Consellería do Mar, os novos responsables da Xunta están a promocionar o Bonito do Norte entre os consumidores etiquetando a especie como distintivo de calidade e control nas capturas. O selo identificativo garante o auténtico Bonito do Norte Fresco e incide a campaña en que a captura desta especie é totalmente respectuosa co medio ambiente. Balseiro resalta que o bonito galego “polo seu elevado valor nutritivo, constitúe unha aposta estratéxica dentro das novas esixencias en materia de alimentación”.
DATOS POSITIVOS NA COSTEIRA DO BONITO
Malia crise que afectou especialmente á flota boniteira nos pasados anos, os primeiros datos sobre a evolución da actual costeira arroxan un resultado positivo, con elevadas capturas e mellores prezos semanais ca no pasado ano. Balseiro cree que a esta boa nova contribuíu o feito de que agora os actuais responsables da Xunta actúen en apoio desta flota a diferencia do que aconteceu co anterior Executivo galego que non soubo ou “o que aínda é moito máis grave” non quixo traballar o suficiente, e incluso esqueceu desenvolver as debidas tarefas de promoción deste túnido, a diferenza do que estaba a ser habitual nas lexislaturas previas á do Goberno bipartito. “Os homes e mulleres do mar saben que, de novo, teñen un aliado no actual Goberno da Xunta de Galicia”-concluíu Balseiro Orol