Ribadeo, 20 de marzo de 2015. A próxima semana entregaranse os premios aos gañadores do concurso fotográfico do día do pai, organizado por Acisa Ribadeo e que reparte máis de 600 euros en premios.
O premio do público foi para a foto “Marco teno claro, Papá o mellor!!!” de Al-Paco Herrero. A imaxe conseguiu 366 gústame no facebook de Acisa. O autor desta foto recibirá 150 euros en vales de compra para gastar nos locais asociados.
O xurado reuniuse este venres nas instalacións de Acisa e decidiu que o terceiro premio, dotado con 100 euros, sexa para a foto “Novas vellas miradas” de Cobra Antonio Soñora; o segundo premio, que recibirá 150 euros, é para “Que tontiño eres papá” de Loris Sixto; e o primeiro premio, dotado con 200 euros, é para “Pensando en ti”, de Belén Pérez Teijo. A foto elixida como gañadora polo xurado foi enviada a Acisa por correo postal.
O xurado estivo formado por Lorenzinho, fotógrafo profesional invitado, que é de Ribadeo, pero que reside na Coruña; Servicios Audiovisuales El Farero; Foto Miguel; o presidente de Acisa, Francisco Iriarte; e un vogal da asociación Juan Andina. A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo agradece “ós fotógrafos a súa colaboración porque o fixeron dunha forma totalmente altruísta. Estamos encantados de contar co súa cualificada opinión para elixir ás imaxes gañadoras do concurso”.
Desde Acisa explican que “as fotografías premiadas expoñeranse dentro duns días no escaparate de Foto Miguel, para que todo o mundo poida velas”. Os premios ós gañadores entregaranse a próxima semana.