Cervo, 14 de marzo de 2015- O Concello homenaxeou á cervense Paula Cortiñas polo seu título de campioa de España sub-21 de fútbol sala feminino. Paula xogou o Campionato de España coa Selección Galega, que se proclamou gañadora na final contra a valenciana.
O alcalde, Alfonso Villares, e o edil de Deportes, Luis Guillén, recibiron no Concello á xogadora e felicitárona polo seu título. O rexedor asegurou que “con só 18 anos, Paula leva xa moitos trunfos acadados, o que fai pensar nunha carreira moi prometedora que, ao mesmo tempo, vaille dar moitas alegrías a este concello, no que estamos orgullosos de ter deportistas e veciñas que traballan duro para ser as mellores no seu”. Ao mesmo tempo quixo desexarlle “moitos máis títulos e máis boas noticias”, e deulle os parabéns por “vivir o deporte con tanta ilusión”.
Paula Cortiñas leva xogando en Primeira División dende o 2011, co Burela FS, é unha das habituais nas convocatorias da Selección Galega e xa ten participado no Campionato de España Sub-17. No seu palmarés destacan os títulos de campioa de Liga 2012-2013, campioa da Copa de España 2013, subcampioa da Supercopa de España 2013 ou campioa Copa Galicia Ferrol 2014.