A Mariña, 19 de febreiro de 2015.- A coordinadora comarcal do PSOE na Mariña –Mayra García- esixe ao Goberno galego “algo máis de seriedade” na xestión do Hospital da Costa e “que se dean explicacións sobre este último cambio producido na xerencia, así como que se aclaren cales son os verdadeiros motivos que o provocaron”.
Neste senso, critica “o rosario de substitucións” levado a cabo neste posto. “É imprudente esta política de nomeamentos”, afirma, pois “é un exemplo da súa falta de planificación e do seu desprezo polos profesionais”. Neste senso, considera que catro responsables en seis anos é “un claro síntoma da desfeita que está a levar a cabo esta Conselleira para que os mariñanos rematemos tendo un simple ambulatorio”.
Todo elo, motivado en boa parte, pola implantación da Xestión Integrada, e que trouxo como consecuencia, subraia, “a falta de capacidade resolutiva, medios e persoal que se traducen nunha perda dos servicios asistenciais prestados aos cidadáns e que provocan unha situación de deterioro, que está ocasionando grandes dificultades ós usuarios, profesionais, e incluso como os feitos nos mostran, ós xestores sanitarios”.
Para a socialista, estes cambios continuos de directivos provoca que “sexa imposible potenciar servicios e ter autonomía da xestión do hospital”. Deste xeito, Mayra García pídelle ao Goberno galego que “garanta a sanidade pública e de calidade, que non a deteriore máis e que respecte aos profesionais”. E é que, subraia, “os mariñanos xa estamos cansados de cambios e de que nos promentan sempre o mesmo, tal e como se viu co Plan Director. O que necesitamos é que se garanta a calidade asistencial no noso Hospital. Así non se poden facer as cousas”, insiste.
“Xa está ben de erros”
Por todo elo, e ante o suceder dos feitos, apela á responsabilidade dos deputados do PP da comarca. “Xa está ben de tapar os erros dos seus xefes na Xunta, porque non podemos esquecer que detrás de todo isto o único responsable é o Sr. Feijoo. Os cidadáns da Mariña queremos políticos responsables e que, sobre todo, defendan as súas necesidades, non os intereses do partido ao que pertencen”, destaca.
“Está claro que ao PP non lle interesa o público. É unha estratexia política que beneficia a uns poucos en detrimento da maioría, cando é un dos piares básicos do Estado de Benestar”.