O BNG de Burela fai unha valoración moi positiva das negociacións levadas a cabo polo BNG no Goberno Provincial, que posibilitaron un acordo para a recuperación definitiva da colección de ourivería castrexa de D. Álvaro Gil. Na Xunta de Goberno celebrada este venres na Deputación, aprobouse o último trámite administrativo para que a colección poda voltar ao Museo Provincial. Un total de 40 pezas de ourivería prerromana, entre as que se atopan o Torques e Arracada de Burela.
O portavoz municipal do BNG, Mario Pillado, mostrou a súa satisfacción polas xestións levadas a cabo polo BNG tanto desde a Área de Cultura, como desde a propia Vicepresidencia da Deputación. Neste sentido, quixo parabenizar a Antonio Veiga e a Mario Outeiro, polos esforzos realizados para a recuperación da colección de arte prerromana galega máis importante do noso país e un dos emblemas do Museo Provincial de Lugo, que poderá ser visitada a partir do 10 de febreiro”.
Tras o acordo acadado polos nacionalistas coa familia de D. Álvaro Gil, ponse fin a un litixio comezado hai 14 anos, con Cacharro Pardo como presidente provincial, quedando de manifesto o traballo realizado por uns e por outros nas institucións públicas. Mentres o PP crea problemas e conflictos en base a intereses persoais, o BNG traballa por dar solucións e polo interese xeral.
O patrimonio cultural de Burela en risco ante o pasotismo de González Barcia
O Equipo de Goberno do PP foi incapaz de iniciar unha soa medida para a conservación, difusión e posta en valor do rico patrimonio existente en Burela. Mentres o Sr. Alcalde anda estes días de paseo por Fitur, gastando o diñeiro de todos os veciños e veciñas para “promocionar” a Burela, o patrimonio arqueolóxico, artístico e natural da nosa vila esmorece.
As pinturas góticas da Vila do Medio están a piques de desaparecer, o hipocausto de Castrelo sen ninguna medida de conservación e en serio perigo de conservación, a zona xeolóxica do Perdouro e a falla de Castrelo completamente esquecidas polo Goberno Municipal… son só algúns dos exemplos da nefasta xestión do PP en materia cultural e patrimonial.
Segundo aclarou Mario Pillado, “o PP votou en contra no seu día a unha moción presentada polo Grupo Municipal do BNG para a recuperación da colección de ourivería castrexa, outra moción para a conservación e declaración BIC das Pinturas da Vila do Medio e aínda non foi capaz de acadar a declaración de Espazo Natural de Interese Local (ENIL) para a área xeolóxica de Castrelo-Perdouro”.
Consello local do BNG de Burela.