Lugo, 30 de xaneiro de 2015. O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga avanzou este venres que a importante colección de ourivería prerromana propiedade da familia de Álvaro Gil volverá de maneira definitiva ao Museo de Lugo o vindeiro día 10 de febreiro. Ese mesmo día producirase a sinatura do contrato de compravenda cos herdeiros do mecenas, que renunciarán a futuras accións legais e a Deputación pagará as dúas primeiras anualidades, as referidas as 2014 e 2015, das 5 acordadas para o pago e abonará os 600.000 euros que foron fixados polos tribunais en concepto de costas xudiciais dun litixio comezado hai 14 anos, na época de Francisco Cacharro Pardo.
Este venres a Xunta de Goberno da Deputación aprobou o último trámite administrativo para que a colección poida voltar ao Museo, a forma de pago á familia en concepto de adquisición da colección: 2.346.200 € en cinco anualidades comezando no 2014 e rematando no 2018. Deste xeito, o Museo disporá en propiedade das 40 pezas das que se compón a colección, algunhas tan importantes como o Torques de Burela ou o Carneiro Alado. O vicepresidente da institución provincial afirmou que “é unha boa noticia para o conxunto da provincia de Lugo, porque hai pezas que foron atopadas en distintos lugares da provincia” e puxo como exemplo o feito de que “case a metade das pezas proceden de distintos concellos da comarca da Mariña”.
Antonio Veiga destacou que a adquisición destas pezas por parte da Deputación “logra recuperar como patrimonio público para desfrute do pobo un destacado tesouro do patrimonio material galego” e destacou que se trata “da colección de arte prerromano galego máis importante do noso país e un dos emblemas do Museo Provincial de Lugo, que poderá ser visitado por todos os lugueses e luguesas a partir do 10 de febreiro”. O vicepresidente afirmou que “a colección nunca debeu ter saído do Museo” e dixo que “foron meses de traballo, negociación e acordo coa familia que agora van dar os seus froitos”.
Avanzou tamén que xa se está traballando para deseñar un completo programa de actividades para os vindeiros meses para “poñer en valor esta colección e dar a coñecer á cidadanía a súa importancia”.
Pezas datadas entre o 1800 a.C. e o 400 d.C.
Unha vez adquiridas pola Deputación, as pezas pasarán a formar parte dos fondos propios do Museo. Trátase de 40 pezas datadas entre o 1800 a.C. e o 400 d.C., entre elas os Torques de Burela e Viveiro e o Carneiro Alado, emblemas durante 4 décadas da colección do Museo Provincial de Lugo e que saíran do Museo en outubro do ano pasado despois dunha sentenza xudicial do Tribunal Supremo que outorgaba a titularidade da colección á familia Álvaro Gil. A colección inclúe torques, pulseiras, adornos de pelo e arracadas, fundamentalmente de ouro, para as que foi iniciado expediente de declaración como Ben de Interese Cultural o 23 de outubro de 2013, un día antes do levantamento do seu depósito no Museo Provincial para evitar deste xeito que puideran ser vendidas ou sacadas do Estado español.
Condicións do acordo de compravenda coa familia
A volta da colección ao Museo que a custodiou durante décadas prodúcese ao abeiro do acordo acadado no mes de xuño entre a Deputación e os herdeiros do coñecido filántropo lucense e que foi ratificado no pleno de 24 de xuño de 2014. Segundo explicou na rolda de prensa de hoxe Antonio Veiga, este acordo, que pon fin a 14 anos de litixios xudiciais, está substentado en 3 piares:
1.- Adquisición da colección de orivería polo importe da taxación encargada pola Excma. Deputación Provincial, é dicir, 2.346.200 € en cinco anualidades comezando no 2014 e rematando no 2018.
2.- Aboamento aos herdeiros de don Álvaro Gil das cantidades debidas en concepto de custas e gastos xudiciais, derivadas dos procedementos relacionados coa colección, ata unha cantidade máxima de 600.000 euros tras a xustificación documental pertinente. É o que se aproba neste mesmo intre, cando os secretarios xudiciais dos tres órganos xudiciais, 1ª Instancia, Audiencia e Tribunal Supremo determinaron as custas.
3.- Por último, o acordo plenario establece que os herdeiros de don Álvaro Gil, simultaneamente á sinatura de contrato de compravenda, realizarán a renuncia a establecer calquera acción, administrativa ou civil, que puidera ter lugar en relación coa colección que se transmite, desistindo dos que se iniciaran e, concretamente, desistindo do iniciado con data 30 de maio de 2014, ante a Deputación Provincial de Lugo, en concepto de reclamación de responsabilidade patrimonial por danos e prexuízos, renunciando a calquera dereito que lles puidera asistir en tal concepto.
Pago de 2.346.200 euros en cinco anualidades
O prezo de adquisición quedou fixado na proposta feita pola Deputación aos herdeiros de Álvaro Gil baseada nun informe de valoración encargado a Eduardo Ramil Rego, taxador independente membro da Asociación de Peritos Xudiciais e especializado en Arqueoloxía e Antigüidades e que estableceu o prezo da totalidade da colección en 2.346.200 euros, moi por debaixo dos case 5 millóns de euros que pedía a familia Álvaro Gil.
O acordo establece ademais que a colección completa será posta a disposición da Deputación Provincial nun prazo máximo de sete días desde a sinatura do contrato definitivo, pero que o pago desa cantidade económica faráse en 5 prazos en anualidades que van ata o 2018, a razón de 99.608 euros neste ano 2014, 656.648 euros en 2015, 633.284 euros en 2016, 606.364 euros en 2017 e 350.296 euros en 2018.
Asemade, a Deputación aboará as cantidades debidas en concepto de custas e gastos xudiciais derivados dos procedementos relacionados coa colección, tal como establecía a sentenza do Tribunal Supremo, ata unha cantidade máxima de 600.000 euros. A cambio, os herdeiros de Álvaro Gil renuncian a indemnización algunha por danos e prexuizos polos anos que a colección estivo depositada no Museo Provincial.