Nas explotacións gandeiras do concello de Lourenzá están aparecendo un número moi alto de animais reaccionantes á proba da tuberculose bovina, o que está provocar unha fonda preocupación no conxunto do sector.
Cabe dicir que resulta dificilmente explicable o feito, tratándose de explotacións nas que non se ten producido ningún caso de positivos nos últimos anos (nalgúns casos nunca), non se teñen mercado animais fóra da explotación, non estiveron en contacto cos de outras explotacións infectadas, …
Desde o SLG vemos moitas similitudes co acontecido fai agora un ano no concello de Foz, onde tamén apareceran un número inusualmente alto de animais reaccionantes e diagnosticados como positivos, dos cales foron confirmados en laboratorio moi poucos casos.
Destacar tamén o feito de que se está a proceder ao saneamento aos seis meses do que se realizou no ano pasado, cando o normal é deixar pasar un ano entre campañas; e tamén que, en alguns casos, administración da tuberculina e a análise da reacción cutánea a realice unha única persoa, cando a Consellería esixe que eses traballos os realice un equipo de, polo menos, dúas persoas.
O Sindicato Labrego Galego está a contactar coas explotacións afectadas para ver cómo se está a desenvolver a campaña de vacinación, asi como as medidas que se están a tomar. Imos demandar da Administración medidas para que o saneamento se realice con todas as garantías para as explotacións. Cumpriría facer estudos en profundidade deste tema para evitar falsos positivos e prexuízos innecesarios para as explotacións. Alén da incertidume e da preocupación derivada da sospeita da saúde da cabana, as explotacións onde se marcan animais reaccionantes fican inmobilizadas, cando menos 45 días, até as seguintes análises, co que isto supón: restriccións para a saída de animais e poder enviar os xatos só para uns poucos cebadoiros autorizados coa conseguinte perda de prezo.