A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada polo Alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, o Presidente da Asociación de Comerciantes, Industriales e Autónomos (ACIA) de Foz, José Carlos Paleo, O Presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo, Cheché Real, presentou este venres, no local da Asociación de Empresarios de Hostalería de Lugo, a XII Festa do Berberecho de Foz, que terá lugar os días 23, 24 e 25 de xaneiro neste concello mariñano e que conta cunha achega provincial de 3.000 euros. Esta partida inclúese dentro do Plan Estratéxico de Subvencións, co que se financian preto de 50 actividades relacionadas cos principais sectores produtivos máis importantes na provincia como a agricultura; gandería; pesca; artesanía; comercio ou turismo. Á última hora, tamén quixo sumarse á presentación deste acto a Delegada do Xunta de Galicia en Lugo, Raquel Arias, posto que o goberno galego colabora co evento enviando a un biólogo experto na materia.
Lara Méndez destacou durante o acto que nos últimos anos os permisos de marisqueo a pé foron reducidos de xeito “máis que notable” pois “a comezos do 2000 esta actividade contaba con máis de 160 traballadores na Mariña mais, actualmente, so hai 56 mariscadoras e mariscadores na provincia”. A Vicepresidenta informou tamén que “atendendo as peticións do veciños solicitadas nos Orzamentos Participativos, os primeiros dunha Deputación en España, ofrecemos unha nova liña de axudas a pesca de baixura, por valor de máis de 150.000 euros”. Con esta achega o organismo provincial busca recuperar e por en valor o marisqueo, unha actividade tradicional da costa de Lugo e que en tempo de crise pode axudar a crear novos postos de traballo e fixar poboación, segundo informou Méndez.
O anterior goberno provincial só colaboraba coa confraría de pescadores do Vicedo. Actualmente, esta axudas foron ampliadas, convertendo á de Lugo na única Deputación en Galicia en colaborar coa totalidade de confrarías existentes na costa da provincia. Estas son: Confraría de Pescadores do Vicedo; Confraría de Pescadores Santiago Apostol de Celeiro; Confraría de Santa María do Campo de Ribadeo; Confraría de Pescadores de Burela; Confraría de Pescadores San Ciprián; Agrupación de Mariscadores San Cosme de Barreiros e Confraría de Pescadores de Foz.
Programación para a xornada
A XII Festa do Berberecho comeza o mércores, 21 de xaneiro, cando haberá unha xornada de exploración a cargo dun Biólogo Na Ría de Foz, destinado a rapazas e rapaces de secundaria. O venres, 23 de xaneiro, ás 20:00 horas será a inauguración oficial da festa coa lectura do pregón, que será a cargo do profesor da Escola de Hostalaría do IES de Foz, Jesús Liste Otero. Ao remate, haberá unha actuación do grupo Mar Aberto. O sábado 21 terá lugar, na carpa no Peirao de Foz, un servizo de comidas a prezo popular, 4 euros por ración, composta pola empanada, berberecho a mariñeira, ao vapor e con fabas de Lourenzá; nun horario de 12.00 a 15.30 horas e de 18.00 a 23.00 horas. A xornada estará amenizada con musica tradicional e baile a cargo dos grupos A Subela e O feitizo. Ás 20.00 horas haberá o III Certame de Cantos de Taberna. Por último, o domingo, haberá degustación de berberechos de 12.30 a 14.00 horas, que estará amenizada por diversos grupos de música tradicional e folk.
I+D+i no sector
Outra das iniciativas da Deputación, encamiñadas e continuar potenciando o sector pesqueiro na provincia, é o convenio de 30.000 euros asinado coa Universidade de Santiago de Compostela coa que se crearon, a través dun proxecto pioneiro a nivel mundial, derivados de pescado, incrementando o volume de negocio do sector e impulsando a xeración de postos de traballo. O organismo provincial continúa apostando pola investigación e desenvolvemento de novos proxectos para modernizar estes sectores, claves para non so para a provincia de Lugo, senón para o país.