Lugo, 15 de xaneiro de 2015. A área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo e a asociación provincial de perruquerías e centros de estética Pelirroja porán en marcha unha campaña de fomento do uso do galego entre a poboación da provincia de Lugo baixo o título “O galego é a túa imaxe”.
O responsable de Cultura, Turismo e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, explicou que se trata dunha “iniciativa novedosa e diferente en materia de normalización lingüística que pretente usar ás perruquerías como canle para chegar á poboación da provincia de Lugo, xa que todos somos, con maior ou menor periodicidade, usuarios destes espazos”.
A campaña, presentada esta mañá no Museo Provincial de Lugo por Mario Outeiro e Eduardo Souto, presidente do colectivo de perruqueiros de Lugo, pretende “sensibilizar á cidadanía da provincia de Lugo da perda de falantes do noso idioma, moi preocupante por afectar sobre todo ás xeracións máis novas, que son as que deben garantir a pervivencia do noso idioma”, explicou Mario Outeiro, que alertou sobre os últimos datos do Insitituto Galego de Estatística que indican que só un de cada catro nenos e nenas do noso país fala galego.
Tríptico con vocabulario específico
A campaña inclúe tamén a familiarización do gremio de perruqueiros e perruqueiras co idioma galego de xeito que o empreguen habitualmente cos seus clientes e clientas. Así, entre outras medidas, distribuiranse unha serie de trípticos e outro material informativo entre as perruquerías e centros de estética da provincia con diverso vocabulario específico da profesión e a súa forma correcta en galego.
O presidente dos perruqueiros lucenses, Eduardo Souto, insistiu na necesidade de “normalizar o uso da lingua galega en ámbitos da vida cotiá, como o da estética, onde ata do de agora non se empregaba de xeito habitual por ser un mundo moi influído por modas que chegan de fóra e que, polo tanto, chegan a Galicia nun idioma distinto ao galego”.