A CIG Saúde A Mariña quere denunciar publicamente as deficiencias estruturais na obra recentemente inauguradas para o Hospital de Día Oncolóxico, unhas obras feitas ás présas, que obedecen máis a criterios político-electorais que a criterios sanitarios e de eficacia asistencial.
Nos hospitais a ventilación ten que cubrir as necesidades clínicas e proporcionar as condicións hixiénicas e ambientais adecuadas para protexer ós doentes e ós profesionais. A ventilación é unha medida de protección colectiva que permite eliminar ou reducir o contido de contaminantes que poden estar presentes no ambiente.
Unha sala de tratamento oncolóxico “ten que dispor da renovación de aire estipulada, tratamento de filtraxe do aire externo e tratamento térmico para que as condicións do ambiente dentro da sala se atopen nunha temperatura agradábel tendo en conta, que moitos dos usuarios están coas defensas baixas e pasan varias horas de estancia”, afirman.
No caso da sala de tratamento oncolóxico, na que o SERGAS afirmou investir 242.000 euros, a instalación consta de:
– Unha renovación de aire con impulsión de aire externo e extracción do aire do interior. O aire da impulsión molesta ós doentes e ó persoal por ter demasiado caudal e polo uso de rexillas para extracción en vez de difusores de impulsión.
– O aire externo non ten ningún tipo de filtraxe, sendo aspirado directamente da rúa.
– Para quentar o aire externo ten unas resistencias que son insuficientes para o caudal e a temperatura do aire que entra.
– Hai dous radiadores na sala de tratamento. Na consulta e no baño non hai nada para quentar o aire.
– A instalación non ten previsto o tratamento do aire cando as temperaturas de ambiente sexan altas.
– A extracción saca o aire na zona de tránsito de entrada a rehabilitación.
ESPAZO REDUCIDO E FRÍO
Os/as poucos/as pacientes enfermos/as de cancro que comezaron a recibir os seus tratamentos de quimioterapia no Hospital da Costa, en Burela, manifestaron hoxe o seu malestar pola calidade das instalacións, que presentan espazos reducidos e un sistema de aire non axeitado. Isto está a provocar que moitos doentes teñan que recibir o seu tratamento abrigados con mantas e forros polares debido ao frío que padecen nas instalacións ao non ter un sistema de renovación de aire axeitado.
IMPROVISACIÓN ELECTORAL
O sindicato nacionalista denuncia a sensación de improvisación, desorganización e desprezo aos doentes e cara o persoal sanitario que vai atender o servizo, para poñer nun primeiro plano os anuncios electoralistas en favor do lucimento persoal e político de determinados dirixentes do Partido Popular na comarca.
Dende CIG Saúde A Mariña esixen que se leven a cabo as accións necesarias para corrixir estas deficiencias estruturais e poder garantir o confort e a calidade asistencial ás doentes e doentes de cancro na comarca da Mariña.