NOTA DE PRENSA
O portavoz de Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, amosa a súa preocupación pola precariedade na que opera este servizo esencial, entre outras funcións, na loita contra o narcotráfico
O PPdeG IMPULSA UNHA INICIATIVA PARA QUE O GOBERNO CENTRAL REFORCE OS MEDIOS DO SERVIZO DE VIXILANCIA ADUANEIRA EN GALICIA
* A Proposición non de Lei faise eco das “múltiples voces que denuncian a falta de recursos e as deficiencias” no Servizo sen que desde o Goberno central “se estean a desenvolver as medidas oportunas para corrixilo”
* A iniciativa fai fincapé en aspectos como a operatividade das embarcacións, a cobertura aérea do litoral e a eliminación da precariedade do persoal que traballa no Servizo.
Santiago, 20 de agosto de 2009.- O Partido Popular de Galicia rexistrou no Parlamento galego unha iniciativa a través da que insta á Xunta a demandar do Goberno central que desenvolva as xestións oportunas para reforzar os medios materiais e humanos do Servizo de Vixilancia Aduaneira en Galicia. O portavoz de Mar do Grupo Parlamentario Popular, José Manuel Balseiro, amosa a súa preocupación pola precariedade na que opera este servizo esencial, entre outras funcións, na loita contra o narcotráfico.
A Proposición non de Lei rexistrada polos populares faise eco das “múltiples voces –fundamentalmente organizacións sindicais e traballadores deste servizo- que, desde hai varios anos veñen denunciando a falta de recursos e as deficiencias” nos medios de Vixilancia Aduaneira, todo iso sen que desde o Goberno central “se estean a desenvolver as medidas oportunas para corrixilo”. Entre as deficiencias denunciadas polos propios traballadores, Balseiro subliña que en tres das seis bases marítimas que o Servizo de Vixilancia Aduaneira ten en Galicia (Vilagarcía, Muros, Ribadeo, A Coruña, Marín e Vigo), as embarcacións superan os 24 anos de antigüidade e están a sufrir continuas avarías “que non son reparadas en tempo e forma”. Así mesmo, engade que o helicóptero que opera na zona norte “dispón dunha autonomía moi limitada”, todo iso pese a ser esencial nos labores de vixilancia que desenvolve este Servizo.
O voceiro popular considera “máis que evidente” que a falta de operatividade de gran parte dos medios e a dificultade que atopan os traballadores adscritos á Vixilancia Aduaneira impide que poidan desenvolver a súa actividade con normalidade “reduce dun xeito significativo” a eficacia dos medios de titularidade pública dispostos en Galicia co fin de loitar contra a acción dos ilegais, mafias ou o narcotráfico.
DESIDIA DA ADMINISTRACIÓN CENTRAL
José Manuel Balseiro, en todo caso, insiste en destacar o labor dos profesionais que traballan neste Servizo, un organismo de carácter policial dependente do Departamento de Aduanas e Impostos Especiais da Axencia Tributaria, dentro do Ministerio de Economía e Facenda que, durante o ano 2008, logrou a incautación de máis de 200.000 quilogramos de drogas e participou en múltiples operacións marítimas. Sen embargo, o Grupo Popular entende que este Servizo presenta deficiencias “que persisten porque a Administración central está a traballar con desidia e falta de interese á hora de desenvolver as xestións oportunas para corrixilas”.
A iniciativa do PPdeG fai fincapé en aspectos como a operatividade das embarcacións, a cobertura aérea do litoral e a eliminación da precariedade do persoal que traballa na Vixilancia Aduaneira. Así, plantexa un reforzamento que pase pola modernización ou substitución das embarcacións que así o precisen pola súa situación ou especial obsolescencia; o incremento das horas de autonomía de voo que actualmente teñen os helicópteros adscritos ao servizo para operacións de vixilancia, patrulla, persecución e interceptación no litoral galego; e a suplencia do persoal para dar cobertura ás baixas por situacións de xubilación, incapacidade temporal ou excedencias.
CONTRASTE COS ESFORZOS DA XUNTA EN SEGURIDADE MARÍTIMA
Finalmente a situación actual deste Servizo de responsabilidade estatal contrasta cos múltiples esforzos que se están a desenvolver desde a nova Consellería do Mar no ámbito da vixilancia marítima. De feito os novos responsables da Xunta de Galicia traballan no reforzo dos medios do Servizo de Gardacostas autonómico quen desenvolve as súas responsabilidades principais no ámbito da protección dos recursos pesqueiros e en tarefas de emerxencias e seguridade no mar. A ampliación das tripulacións dos helicópteros Pesca 1 e Pesca 2 hai que engadir a mellora nas lanchas e embarcacións de inspección e salvamento. O Grupo Popular espera un compromiso similar por parte do Goberno socialista central xa que, “deberamos remar na mesma dirección, e desenvolver un esforzo de mellora de toda esta loxística, sobre todo tendo en conta as características da costa galega e que tanto o Servizo de Gardacostas de Galicia, como o de Vixilancia Aduaneira e Salvamento Marítimo están obrigados a complementarse, coordinarse e traballar pola seguridade de todos”