Ribadeo, 27 de outubro de 2014. Ribadeo acollerá a partir do 15 de novembro un curso para a formación de guías-intérprete do litoral. Está organizado polas Concellarías de Medio Ambiente e Turismo e pola Universidade de Santiago de Compostela e conta co patrocinio da Deputación luguesa, a través da Área de Cultura e Turismo. A iniciativa enmárcase dentro do convenio que a institución provincial aprobou hai uns días para a realización de actividades de protección e promoción da praia das Catedrais no período 2014/2015. O curso foi presentado esta tarde no salón de plenos do Concello.
O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “dentro do convenio que aprobamos e asinamos hai uns días na Deputación de Lugo relativo ás Catedrais, relativo a todo o que nos está a axudar a Deputación, que ata o de agora segue a ser con diferenza a entidade que máis nos leva apoiando e que máis nos continúa apoiando en proxectos reais e tanxibles a día de hoxe, non só en meras especulacións ou meras suposicións de futuribles, senón de realidades ao longo destes últimos anos”.
A nova iniciativa que se levará a cabo será un curso para a formación de guías-intéprete do litoral de Ribadeo, ao que lle seguirán o deseño de itinerarios no litoral ribadense, a creación e o deseño de unidades didácticas para ofertar visitas ás diferentes escolas de Galicia que poidan estar interesadas neste espazo e a contratación de guías do litoral de Ribadeo. Suárez Barcia indicou que “esta fase enténdese coma un proxecto piloto para divulgar e guiar os diferentes roteiros e itinerarios creados no litoral de Ribadeo. E queremos que serva para incentivar a creación de oportunidades de emprendemento neste eido”.
“Trátase da posta en marcha dun plan para por en valor o litoral de Ribadeo, queremos ofertar novas alternativas que permitan un aproveitamento turístico e socioeconómico que canalice as miles de visitas que chegan á praia das Catedrais, sempre compatibilizando a conservación e preservación deste patrimonio natural coa dinamización económica local”, indicou o rexedor.
O curso para a formación de guías-intérprete do litoral de Ribadeo desenvolverase do 15 de novembro ao 14 de decembro os sábados pola tarde e os domingos pola mañá. As prazas que se ofertan son 15 e está dirixido preferentemente a graduados en Bioloxía, Ciencias Ambientais, Xeografía, Xeoloxía e Turismo, aínda que tamén poderán realizalo diplomados e licenciados en xeral ou aquelas persoas que estean en posesión dun ciclo formativo de grado superior relacionado coa materia a desenvolver. En caso de que existan máis solicitudes que prazas levarase a cabo un proceso de selección.
As persoas interesadas en anotarse poden dirixirse ao rexistro xeral do Concello ou á seguinte páxina web: www.ribadeo.gal O prazo para a presentación de solicitudes remata o 11 de novembro.
Os obxectivos do curso pasan “pola dinamización socioeconómica do territorio e por darlle un pulo ao emprego, de forma que reverta na nosa localidade. E tamén por ofrecer un circuíto de alternativas que complementen e enriquezan o atractivo que hoxe supón As Catedrais”. Suárez Barcia sinalou que “desde o Concello cremos que esta iniciativa marcará a estratexia a seguir no modelo de ordenación e xestión que se debería implantar para desconxestionar a visita á praia das Catedrais. Este era un dos puntos que se integraron nas alegacións que o Concello presentou recentemente ao Plan de Conservación do Monumento Natural”.
Caso excepcional e especial
Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, manifestou que “aquí se fan cousas palpables e concretas. En todas as iniciativas que se fan coa praia das Catedrais estamos aí porque vemos que o Concello de Ribadeo, tal e como xa denunciamos noutras ocasións, está totalmente solo e desamparado diante do principal referente turístico que temos agora mesmo”. Veiga Outeiro lembrou que “xa temos dito en numerosas ocasións o necesaria que é a declaración de parque natural. O goberno provincial xa se ten pronunciado a favor e o pleno provincial tamén. Nese sentido temos dito practicamente todo o que había que dicir ao respecto, pero a praia das Catedrais necesita duns servizos día a día e para evitar que iso recaia inxustamente sobre todos os contribuíntes de Ribadeo, porque non son todos os contribuíntes de Ribadeo os que teñen que soster as Catedrais sendo un recurso a nivel galego e a nivel estatal. Non é de recibo que os veciños e as veciñas de Ribadeo teñan que pagar que o Concello teña que gastar eses cartos, que son de todos, cando ás veces non os ten. E nese sentido vai a cooperación que a Deputación ten que ofrecer a todos os Concellos, pero este é un caso excepcional e especial polo abandono inxusto que sofre o Concello de Ribadeo doutras administracións”.
O vicepresidente da Deputación engadiu que “esta iniciativa, que está dentro do convenio que asinamos en días pasados, demostra claramente que o Concello cre e sabe o que está a facer. Esta proposta é interesantísima, formar xente para que despois poidan traballar e difundir a riqueza das Catedrais, concienciar á xente do que supón ese areal e do recurso que temos aí. Agardamos que todo saia ben, sorte para os alumnos e alumnas que se formen e que para o vindeiro ano se plasme nesa contratación dos mellores e que poidan desenvolver o seu traballo, porque iso nos beneficiará a todos”.