Lugo, 25 de outubro de 2014.- Roberto Fernández Pena continuará á fronte de Novas Xeracións de Foz tras o congreso celebrado este sábado na localidade da Mariña. Así o decidiron os afiliados, que avalaron a continuidade do mozo popular que presentou un programa co turismo e o emprego como piares fundamentais.
Tras se proclamado presidente, Roberto Fernández manifestou o seu compromiso por continuar a traballar arreo para seguir sendo a voz da mocidade focense, escoitar as súas inquedanzas e defender os seus intereses. “Dende aquí ofrecemos a nosa disposición para colaborar, reunirnos e escoitar a tódalas asociacións xuvenís que haxa no Concello”, asegurou.
Roberto Fernández, licenciado en Ciencias Políticas e con responsabilidades na formación provincial e autonómica de Novas Xeracións; estivo acompañado no Congreso polo presidente provincial de NN.XX., Daniel Vega; así como polo responsable do PP de Foz e alcalde, Javier Jorge Castiñeira; polo secretario xeral provincial do PP, José Manuel Balseiro, e pola voceira do PP na Deputación e vicesecretaria provincial do PP, Elena Candia.
Neste senso, Roberto Fernández quixo agradecer o apoio do PP e, en especial, de Javier Jorge Castiñeira e do seu equipo que a través de “traballo, esforzo, seriedade e rigorosidade están a facer de Foz, un Foz mellor”, e puxo como exemplo a “residencia de maiores e que as arcas municipais ao final da lexislatura estarán moito mellor de cómo se encontraban”.
Programa
A través do seu programa, a nova executiva quere que Foz continúe a ser un referente turístico no norte de España, e que os mozos podan desenvolver os seus proxectos laborais na vila. A maiores, “queremos que o noso rural e as nosas parroquias teñan futuro, dotalas de todos os servizos; así tamén queremos que os nosos maiores teñan a oportunidade de estar coidados nas mellores condicións, con instalacións modernas e profesionais especializados; e isto será unha realidade xa que está en construción a Residencia de Maiores gracias ao Goberno do PP de Foz e ao compromiso da Xunta”.
Un equipo renovado
Roberto Fernández Pena estará acompañado dun equipo renovado “con novas ideas e máis forza, sen perder de vista a liña de traballo que se levou ata agora que é loitar e defender os intereses da xuventude no noso Concello e seguir colaborando co PP de Foz”.
Así, a secretaría xeral recae en Alba Pérez Losada e a vicesecretaría de organización en Martín González Fiallega. Os vogais electos son Sara Pérez Recalde; Kevin Rouco Trelles; Ezequiel Couto Sacido, Diego García Rivera; Hugo González Eijo; Rubén Díaz Prado e Lorena Díaz Prado. Isabel Martín Lestegás e Ramón Andrés Basanta Borrajo son vogais natos.
Un partido comprometido coa xuventude
O secretario xeral do Partido Popular de Lugo, José Manuel Balseiro, encargouse de clausurar o congreso resaltando a paixón coa que Roberto Fernández afronta o reto de continuar a liderar as xuventudes do PP.
Así, Balseiro animou a Novas Xeracións a saír á rúa, a dar a batalla das ideas e a sentirse comprometidos e orgullos co proxecto do PP e de Feijóo que “escoita, entende e atende á xuventude”.
O popular, neste senso, resaltou realidades como a conxelación no que vai de lexislatura das taxas universitarias; a posta en marcha de becas que complementan as estatais ou da primeira Lei de Xuventude de Galicia, ata o punto de poñer en marcha o máis completo plan de apoio á xuventude de todas as comunidades autónomas.
Esta situación, segundo Balseiro, contraponse a unha oposición que di estar ao lado dos máis novos pero que en realidade os despreza, é citou o exemplo de Besteiro que “na Deputación deixa fóra á gran maioría dos concellos lucenses do plan de emprego; ou que non permite as xuventudes socialistas votar no proceso de eleccións dos seus candidatos a alcaldes”.