Burela, 14 de outubro de 2014. A Feira Expomar en Cabo Verde será do 6 ao 8 de novembro. Este foi un dos asuntos abordados na xuntanza extraordinaria que este mediodía mantivo no Concello o padroado da Fundación Expomar, que presidiu o seu presidente e alcalde de Burela, José Mª González Barcia.
A Fundación Expomar estará presente en Cabo Verde dentro do stand da Xunta de Galicia. Ata Mindelo se desprazará a súa xerente Catalina Sánchez Luengo e alí acudirán varias empresas galegas, entre elas dúas de Burela, ademais do Concello e da propia Fundación Expomar. Na organización da feira de Cabo Verde, dedicada ao mundo do mar e aos seus negocios, colaboran a Xunta de Galicia e a fundación burelesa.
No encontro do padroado desta mañá tamén se falou da vindeira edición da Feira Expomar, que se celebrará en Burela o vindeiro mes de maio, aínda que as datas están por concretarse. Segundo explica González Barcia “a Fundación Expomar leva xa meses preparando a feira de Burela. As expectativas en canto a participación son boas, porque seguimos medrando ano tras ano, a pesares dos tempos que corren. Quedan moitos meses de traballo para pechar a feira en si mesma, e tamén ás xornadas técnicas e os encontros empresariais”.
Hoxe a Fundación Expomar tamén fixo balance de Produart 2014, “unha cita organizada para promocionar a produción sostible e unha cita que se celebra en agosto para aproveitar o tirón da feira do bonito e o verán. Produart convértese nesas datas nun atractivo máis para vir a Burela. O balance que facemos é positivo tanto pola acollida do evento como pola participación. Á pasada edición de Produart acudiron 65 expositores e alí puidemos atopar ata 100 marcas”.