Foz, 10 de outubro de 2014. O salón de plenos do Concello acolleu este venres a presentación do Centro Comercial Aberto de Foz onde José Carlos Paleo, presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos o comparou cunha empresa con 120 departamentos (establecementos asociados) e con máis de 900 empregados e dixo que “hoxe esta empresa pon a primeira pedra para que nos dous próximos bienios, de 2014 a 2018, abran as súas portas outros vinte departamentos, que suporían a creación de 100 novos postos de traballo”.
Paleo demandou a axuda da inversión pública e privada para converter a Foz nun auténtico Centro Comercial Aberto. O presidente de ACIA Foz avogou “pola humanización e pola realización de melloras nas rúas comerciais da nosa vila”. E engadiu que “entre todos, si queremos, podemos poñelas en marcha. Pola nosa parte non faltarán esforzos nin colaboración. Un Centro Comercial Aberto ten forza para isto e para moito máis, de forma constante e sen límites”.
O salón de plenos do Concello acolleu a presentación do CCA. Alí déronse cita representantes do Concello focense, da Asociación de Comerciantes, da Dirección Xeral de Comercio, da Deputación Provincial de Lugo, da Federación Galega de Comercio e da Federación de Comercio de Lugo, así como de ABanca.
Preto de 80 establecementos participaron na campaña para darlle a benvida ao Centro Comercial Aberto de Foz. A xornada, que contou con animación polas rúas, rematou na carpa instalada nas inmediacións do Concello onde tivo lugar o sorteo de 1.500 euros en vales de compra para gastar nos locais que colaboraron con esta xornada.
Paralelamente este venres, desenvólvese en 26 bares, mesóns e restaurante a festa da tortilla que organizou Acia Foz.