LUGO .- O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, pediu este martes ó Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, que poña en marcha un Fondo Extraordinario para os Concellos. Nunha reunión mantida en Santiago co máximo responsable do Goberno Autonómico e cos Presidentes das outras institucións provinciais galegas, Gómez Besteiro propuxo este Plan “para reactivar as arcas municipais, xa que os Concellos están a afrontar un ano moi complicado que aínda adquirirá un cariz peor en 2010 coa merma da recadación e da participación nos tributos”. O Presidente provincial reclamou que a Xunta emule o Plan E de Rodríguez Zapatero e avanzou que “na Deputación de Lugo estamos a ultimar o noso propio Plan de obras públicas que será presentado despois do verán”.
O Fondo Extraordinario da Xunta proposto por Gómez Besteiro destinaría o 75% a investimentos e o 25% a gasto corrente, “co que se dinamizaría ós Concellos diante dun 2010 que se presenta especialmente complicado”. Lembrou que o Pleno da Deputación do mes de xullo aprobou unha proposta solicitando este Plan á Xunta e puntualizou que “eu pido o que estou disposto a dar”.
Neste senso, José Ramón Gómez Besteiro explicou que “neste momento económico as Deputacións podemos ser máis útiles que nunca” e dixo que “estamos a traballar en rede porque é o momento de sumar e non de restar. Temos que facer máis con menos”. Como exemplo, destacou a asistencia técnica e xurídica ós Concellos, “un tema prioritario para nós”. De feito, subliñou que o actual equipo de Goberno creou a área de Cooperación cos Concellos que non existía con anterioridade na Deputación luguesa.
Promoción do Xacobeo
O titular provincial tamén pediu ó Góberno de Núñez Feijoo unha maior implicación e axilidade na promoción do Xacobeo. “Debemos aproveitar a oportunidade económica que supón o Ano Santo, xa que haberá que esperar 11 anos para o seguinte”. O Presidente da Deputación entregou ó titular da Xunta un dossier que inclúe unha copia do programa Km0 a Compostela, con 25 rutas polos Camiños de Santiago que atravesan a provincia de Lugo e que arrincará o 1 de setembro. Esta iniciativa converte á Deputación luguesa na primeira administración galega en presentar unha programación estable para o Ano Xacobeo. “Lugo é a entrada natural das rutas xacobeas a Galicia, con máis de 800 quilómetros, o que a convierte na provincia galega con maior extensión de itinerarios”.
Con respecto á rede provincial de bombeiros, Gómez Besteiro esixe que se garanta o 100% de cobertura contra incendios na provincia. O dossier que recibiu Núñez Feijoo tamén inclúe un avance do Plan Estratéxico provincial e a Declaración Lugo, asinada pola Comisión de Deputacións e Cabildos da FEMP nunha reunión celebrada en Lugo.
Reunión bilateral urxente
No encontro de hoxe, o Presidente da Deputación reiterou á Núñez Feijoo a solicitude dunha reunión bilateral que xa lle trasladara por escrito cando tomou posesión ó fronte da Xunta. Gómez Besteiro, que propuxo que o encontro se celebre en Lugo, dixo que é necesario abordar os temas pendentes entre as dúas administracións, algúns de máxima urxencia, como a transferencia dos hospitais provinciais, a Fundación Tor ou a titularidade das estradas. Con respecto a este último asunto, lembrou que Lugo é a provincia coa rede viaria provincial máis extensa de España e que representa o 45% do total das que hai en Galicia, polo que urxiu a seguir avanzando no proceso de transferencia de estadas á administración autonómica.