LUGO .- O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Deputado de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato Soengas, presentaron este venres o novo sistema que ofrecerá o organismo provincial para a contratación conxunta do subministro eléctrico dos Concellos, o que permitirá un prezo máis económico que o actual e supoñerá un aforro significativo na factura de cada municipio. Gómez Besteiro destacou que “esta é unha nova liña de Cooperación pioneira entre as Deputacións de España e que foi ben acollida pola Federación Española de Municipios e Provincias. A Cooperación cos Concellos é un dos piares fundamentais sobre o que se sustenta a acción deste goberno, e o longo destes 2 anos témolo demostrado con feitos. A nosa obsesión é ser útiles á provincia e esta é unha mostra de austeridade ben entendida”.
Na actualidade un Concello medio da provincia de Lugo ten un gasto eléctrico anual de 175.000 euros. Os máis grandes superan os 500.000 e o máis pequenos da provincia ós 10.000 euros. A nova iniciativa da Deputación é posible grazas a que o Real Decreto 485/2009 do tres de abril abre a posibilidade de contratar a subministración eléctrica cunha empresa comercializadora a un prezo libremente pactado. Atendendo a este cambio na lexislación, a Deputación elaborará un prego para a contratación deste subministro naqueles Concellos que se sumen a esta iniciativa.
O titular provincial subraiou que “tamén se cumpre o dito de que a unión fai a forza, xa que cantos máis Concellos opten por adherirse, acadaremos un prezo máis vantaxoso. É outro exemplo de economía de escala que queremos iniciar no último trimestre deste ano”.
Esta mesma semana enviouse unha carta ós 66 Alcaldes, agás o de Lugo porque supera os 20.000 habitantes, para informarlles sobre esta iniciativa. Gómez Besteiro sinalou que “nos momentos económicos difíciles hai que reinventar fórmulas. Un demostra que é un bo xestor cando os recursos son limitados e a necesidade agudiza o enxeño. O aforro no subministro eléctrico permitirá que os Concellos invistan estes cartos noutras necesidades dos seus veciños”.
Outras liñas de Cooperación
Esta nova liña de Cooperación cos Concellos súmase a outras emprendidas polo actual equipo de goberno e que tan bos resultados están a dar. O responsable provincial lembrou algunhas destas actuacións: o Fondo Extraordinario da Deputación por un valor de 1,5 millóns de euros co que o organismo provincial complementou o Plan E de Zapatero; o novo Sistema Provincial de Recadación que aforra 500.000 euros ó ano ós Concellos; o sistema de xestión da roza das estradas provinciais, a través do cal os Concellos xestionan directamente, e isto permite aforrarlles cartos; a aposta da Deputación polo emprego estable, elaborando Relacións de Postos de Traballo para os Concellos e que lles aforra 500.000 euros anuais; a creción doutros plans que axudan á dinamización económica dos Concellos máis pequenos e a mellorar as súas infrestruturas, como o Plan de Pequeñas Infraestructuras para aquellos municipios de menos de 5.000 habitantes, ó que se destinaron este ano 700.000 euros; o novo sistema de xestión catrastral, que a Deputación está ultimando e que é outro exemplo de contratación conxunta cos Concellos para aforrarlles cartos; ou a creación da rede provincial de bombeiros na que os municipios non teñen que aportar o 15% previsto inicialmente, xa que este coste é asumido pola institución provincial.
Acordos da Xunta de Goberno
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou este venres, a adxudicación provisional das obras de mellora e renovación de afirmado de 12,280 quilómetros da estrada provincial de San Clodio a Casares, no Concello de Ribas do Sil. O proxecto foi adxudicado por 690.907 euros, cunha mellora de obra por 33.173 euros.
Tamén se deu o visto e prace a 3 contas xustificativas do Plan de Comunidades Veciñais correspondentes ó ano 2008. Os proxectos suman un total 36.791 euros dos que a Deputación achega 26.048.