LUGO .- Esta mañá, máis dun cento de nenos e nenas saharauís foron recibidos na Deputación de Lugo polo seu vicepresidente, o nacionalista Antón Bao, e máis polo seu delegado de Cultura, Antonio Veiga, a xeito de recoñecemento e homenaxe polo seu tempo entre as familias galegas. Xunto cos nenos achegáronse, ademais das súas familias de acollida en Galiza, o delegado saharauí para Galiza, Ahmedu Mojtar Abdelahe, e a coordinadora e responsábel do programa “Vacacións en paz”, Maite Isla.
O vicepresidente da Deputación, o nacionalista Antón Bao, quixo facer en primeira instancia unha mención de agradecemento a todas as familias, máis de cen, das comarcas lucenses que acolleron no seo do seu fogar a un neno ou nena do Sáhara, dentro do programa “Vacacións en paz”, facendo que vivan durante un tempo unha realidade distinta, allea ao sufrimento que teñen que padecer nos campos de refuxiados no seu territorio. A recepción tamén tivo como obxecto que os pequenos puidesen pasar un anaco de lecer complementario á súa estadía no país galego, para o que se organizou un concerto de “Contos en cantos” de Almudena Janeiro, unha actuación musical con pegadizas cancións a través das que se ían desenvolvendo fantásticos contos. Ademais, desde a Área de Cultura da Deputación agasallouse ás nenas e nenos cun conto en galego, titulado “Macario o dromedario”, que servirá para, segundo explicou Antón Bao, “propoñer unha ponte entre culturas, que é outra das cousas que se pretende coa estadía dos nenos en Galiza, de xeito que se interrelacionen con outros rapaces e rapazas galegas e coñeza outra cultura diferente á súa”. Co libro “Macario o dromedario” poden achegarse á cultura e lingua galegas a través dunha historia e uns personaxes, o dromedario, que lles resultarán moi familiares.
Antón Bao aproveitou a ocasión e a presenza do delegado saharauí en Galiza para “desexar e pedir publicamente unha solución definitiva para o pobo saharauí, que remate a inxustiza que viven non só estes nenos e nenas senón milleiros de persoas do pobo saharauí que levan moitas décadas loitando polos seus dereitos como pobo, polos seus dereitos a vivir en liberade, por explotar os seus propios recursos, por vivir e traballar da súa terra”. Con estes argumentos, o vicepresidente Antón Bao fixo un chamamento “á comunidade internacional, nomeadamente tamén ao Estado Español, para que se acaten dunha vez as numerosas resolucións internacionais que se teñen pronunciado a favor de que o pobo saharauí poida vivir como o pobo que é, libre e independente, rexendo os seus propios destinos”. Así mesmo, o vicepresidente da Deputación manifestou o compromiso de seguir colaborando co pobo saharauí para que o programa “Vacacións en paz” poida continuar mentres non se resolva o conflito que padece o Sáhara.
Pola súa banda, o delegado de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, subliñou o “intenso traballo de resistencia que fixo o pobo saharaui a prol de manter a súa cultura viva, no cal tivo moito que ver a resistencia política personificada en figuras como o seu delegado aquí en Galiza, Ahmedu Mojtar Abdelahe.”
Na súa intervención, o delegado en Galiza do pobo saharauí, Ahmedu Mojtar, lembrou “que é importante o apoio da clase política, neste caso da Deputación de Lugo a través do seu vicepresidente e a Área de Cultura, porque o problema que existe no Sáhara non é outro máis que político”. Agradeceu a oportunidade de comparecer nunha institución coma a Deputación perante os medios de comunicación e a defensa pública dunha causa xusta como é o recoñecemento dos dereitos do pobo saharauí e que remate o conflito que fai que case a totalidade deste pobo viva en campos de refuxiados en condicións tan duras que, nestes días, deben soportar temperaturas superiores aos 50 º.